Hidrográfica e Concello de Pereiro de Aguiar asinaron obras hidráulicas

Afectan ao saneamento da Medorra e a un novo paso sobre o río Grañal

O Pereiro de Aguiar | José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e Luís Menor Pérez, alcalde do Concello de Pereiro de Aguiar asinaron acordos para acometer obras neste municipio. Trátase do saneamento do núcleo da Medorra e as de paso da estrada para Venda-Calvelle sobre o rio do Grañal.

O organismo de conca subliña que na Medorra hai vivendas que a día de hoxe non están conectadas á rede municipal de saneamento. Trátase dunha poboación de algo máis do centenar de habitantes, aos que a situación derivada das verteduras incontroladas provócalles unha diminución na calidade das súas augas.

Corrixila construíndo a adecuada rede de colectores supoñerá un investimento de 190.000 euros, segundo estimacións da propia Confederación Hidrográfica.

Polo que atinxe ao río Grañal, serán precisos 129.500 euros para mellorar o paso actual da estrada para Venda-Calvelle sobre o devandito leito. O actual áchase en “moi mal estado de conservación”, segundo a CHMS, haberá que demolelo e executar un novo, cuxa forma e tipoloxía determinará o correspondente proxecto que se ha de levar a cabo.