Habemus eleccións xa!!!

Nos últimos tempos o mundo da política andaba revolto. Políticos metidos no cárcere, políticos comprados uns, vendidos outros…Os tribunais presentando a cara máis fea do que se puido un imaxinar: os maxistrados saen ás rúas amosándonos as súas “puñetas”; o nunca visto.

O vulgo camiña cara adiante sen saber ben que lle espera á volta da esquina.

Os alugueres semellan unha montaña rusa. A quen lle ”toca a quiniela” non sabe onde meterse. A maioría dos soldos da mocidade apenas lle alcanza para pagar unha habitación con dereito a baño colectivo. Como se fora un cuartel militar.

A todo isto a dereita vela armas esperando como o gato a que o rato saia do burato para lanzárselle ao pescozo e non soltalo. Agora din que lles chegou a hora. Parece que o Estado español está esperando a ter a oportunidade de demostrar o que sabe facer a oligarquía, que segue agochada pero controlando os resortes do sistema. “Quen poida facer, que faga!” Lembran?

Foi a expulsión dunha muller xa entrada en anos a que serviu para dar o pistoletazo de saída. Os cidadáns do común, que diría o Beiras, víronse interpelados pola expulsión dunha muller da casa onde residía dende hai un montón de anos e que pensaba alí rematar os seus días. Parece que alguén a mercou e decidiu limpar o inmoble para sacalo ao mercado porque ese é, para os capitalistas, a finalidade dunha vivenda.

“Diante deste panorama milleiros de cidadáns ao longo e ancho desta pel de touro estendida saíron á rúa. Todos eran Maricarmen”

Diante deste panorama milleiros de cidadáns ao longo e ancho desta pel de touro estendida saíron á rúa. Todos eran Maricarmen; todos se sentían interpelados porque dun momento a outro eles e elas tamén se verían cos seus móbeis na rúa. Dende os Pirineos ata Ortegal pasando polo Guadalquivir, todos e todas se sentiron interpelados e saíron á rúa para demostrar o seu rexeitamento. Todos e todas se sentían na pel de Maricarmen.

Diante deste triste panorama o Goberno tentou poñerlle un parche á espera de que acampara, tal vez, para tomar algunhas medidas que deran resposta a tanta miseria habitacional. Non puido ser. No Congreso dos Deputados demostrouse que unha pequena parte de España dispón de forza suficiente para tumbar calquera intento de arranxar estas miserias que todos coñecemos. Como debe ser, o equipo do Goberno tentou lexislar aínda que sen moita convicción para que ese clamor popular puidera esperar a tempos mellores. Tempos que só poderían chegar da man dun Parlamento cunha sensibilidade suficiente para rematar coa miseria ocupacional que nestes momentos este País está a sufrir. Cinco deputados representantes dos “fillos de papá” tumbaron o acordo. Ao presidente do Goberno só lle quedou a alternativa de convocar eleccións para dentro duns días.

Que vai pasar agora? Todos os que saíron á rúa e se asentaron alí onde seguen, están dispostos a ser consecuentes e seguir apoiando a un Goberno coa mínima sensibilidade pero que tentou e non puido salvar a moitas Maricarmens? Ou todo era unha “pose” e agora cada mochuelo volve ao seu niño e todo segue igual? Veremos.

Vdes. amigos/as pensen ben se están polas razóns dos feitos consumados: (millóns de familias na rúa, practicamente) que deben ser defendidas ou se voltan aos seus cuarteles de partido.

Sexan felices e voten en conciencia. O demais non debera contar.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.