Guadi Galego cativou ao público guardés

O pasado 28 de agosto nun concerto no Porto da Guarda

A Guarda | O pasado sábado día 28 de agosto a cantante Guadi Galego trouxo a súa música ata o Porto da Guarda nun concerto enmarcado na xira de presentación do seu último disco, Costuras, na que a cantante atópase inmersa e que está xa a piques de rematar.

Esta idea xa ven de anos atrás, onde, despois de varias tentativas de traer á Guarda a esta gran artista, por fin se logra facer. O concerto abriuse coa participación do grupo de folk local “Na Revolta”, que tocou algunhas pezas musicais antes do concerto de Guadi Galego.

O grupo folk Na Revolta cumpriu así os seus 20 anos, tendo participado en numerosos concertos na comarca do Baixo Miño así coma no Festival Intercéltico de Lloriente no ano 2006 ou coma teloneros do grupo Berrogüeto. Na Revolta conta con 7 compoñentes, Diego Vicente na percusión, Elena Baz na percusión, Ana Pereira no baixo, Miguel Rodríguez con guitarra e voz, Iván Gómez con gaitas, Xurxo Ameal con gaitas e percusión e Silvia Castro coa frauta traveseira. Na Revolta ten editado os discos “Al Punto” no ano 2008 e “Dale al ON” no ano 2019.

Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Comezou a súa andaina con Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e continuou posteriormente, con novas sonoridades e proxectos, con diferentes colaboradores e acadando sempre grandes éxitos de público, crítica e recoñecidos premios. En 2005 lanza o seu disco “Espido”. Continúa no 2009 co disco en solitario Benzón e no 2012 con “Acadacanto” onde sigue colaborando con Xavier Díaz, Guillerme Fernández ou Xosé Lois Romero.

No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e no 2016, ano en que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor, sae o terceiro, O mundo está parado. No 2019 estreou Immersion, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes da man de artistas como Iván Ferreiro, Clara Peya, Xabier Díaz ou Lisandro Aristimuño.

Este álbum valeulle o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español. Tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza Costuras, 10 cancións que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador.

A realización deste concerto que se enmarcou dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, contou ademais coa colaboración da Comisión de Festas da Virxe do Carme e das Redeiras da Guarda.

Tal e como manifestou o Concelleiro de Festas e Festexos Populares, Rafa Álvarez, “o Porto da Guarda foi este pasado sábado un recinto perfecto para gozar da boa música feita en Galicia, cunha artista recoñecida que tanto visitantes como locais puideron coñecer e ser partícipes do seu bo facer e da súa xenerosidade, do seu respecto sobre temas en defensa da muller e nun concerto no que, a emotividade e complicidade entre a banda e o público, foi palpable en todo momento”, destacando ademais o rotundo éxito de participación, coas entradas esgotadas dende fai varios días previos ao concerto e o excelente ambiente na zona portuaria ao longo desta gran noite de verán.

Rafa Álvarez quixo tamén agradecer a Guadi Galego o ter participado no pasado mes de xullo nun concerto no que colaborou co Coro do Conservatorio de Música Elemental da Guarda, así como permitir que o Grupo local de folk Na Revolta puidese festexar o seu 20 aniversario compartindo escenario con ela e coa súa banda.