Gonzalo Pérez Jácome toma posesión da Alcaldía de Ourense

O BNG reclamoulle explicacións a Feijóo e a Rueda

Ourense | Gonzalo Pérez Jácome tomou posesión esta mañá da Alcaldía da nova corporación municipal e inicia o seu segundo mandato á fronte do Concello de Ourense. Pérez Jácome, candidato de Democracia Ourensana, foi investido alcalde na sesión constitutiva da corporación, por ser o concelleiro que encabezou a lista que obtivo un maior número de votos nas eleccións municipais do día 28 de maio.

A sesión constitutiva comezou coa toma de posesión dos 27 concelleiros e concelleiras que desde hoxe integran a Corporación Municipal: 10 de Democracia Ourensana, 7 do PP, 6 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG.

Trala votación para a elección de alcalde, o candidato de DO, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu 10 votos; o cabeza de lista de PSdeG-PSOE, Francisco Rodríguez, 10 (6 dos edís socialistas e 4 dos do BNG) e o candidato do PP, Manuel Cabezas, 7. Unha vez rematado o escrutinio, e ao non rexistrarse maioría absoluta, foi proclamado alcalde Gonzalo Pérez Jácome, que encabezou a lista que obtivo o maior número de votos nas pasadas eleccións municipais.

O BNG cumpre coa palabra dada
Os catro representantes do BNG cumpriron co que dixeran ao longo da campaña e votaron a favor do candidato do PSdeG-PSOE. Desde a formación nacionalista esixen que Feijóo e Rueda expliquen o acordo con Jácome logo de ter reiterado en campaña que “baixo ningún concepto” pactarían de novo con el.

Ao remate da sesión e logo de facer unha ofrenda floral diante da estatua homenaxe a Bóveda, o concelleiro electo e futuro portavoz municipal do BNG Luís Seara manifestaba que o acontecido “ten que ver co que representa o PP en Ourense, o máximo expoñente da indignidade política”, e engadía, “por segunda vez, o PP decide castigar a Ourense votando a Jácome para que sexa alcalde”.

Seara lembrou que “o BNG leva dicindo desde hai moito tempo que Jácome e o PP son o mesmo, son as dúas caras dunha mesma moeda e hoxe acabamos de velo. Son o expoñente do peor da política, son o exemplo da corrupción e do caciquismo en Ourense”.

O futuro portavoz municipal do BNG foi moi claro e reclamoulle tanto a Feijóo como a Rueda “que lle dean explicacións ás veciñas e veciños de Ourense por ter tomado unha decisión que castiga novamente ao noso Concello”.

“O BNG é unha organización seria, coherente e rigorosa como ten amosado de xeito reiterado e por tanto nós, sendo serios e rigorosos, tomamos a decisión que as veciñas e veciños puxeron nas nosas mans e por iso votamos ao candidato do PSdeG-PSOE para que houbera unha alternativa a este despropósito”.