Gonzalo Caballero: “Verónica Tourón é unha muller traballadora e comprometida con Salceda”

Asistiu á toma de posesión como nova alcaldesa de Salceda de Caselas

Salceda de Caselas/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiu hoxe á toma de posesión de Verónica Tourón como alcaldesa de Salceda de Caselas en cumprimento do pacto establecido hai agora dous anos.

“Hoxe prodúcese un relevo acordado á fronte do concello e quero trasladar a miña satisfacción e os meus parabéns ao equipo de goberno”

“Hoxe prodúcese un relevo acordado á fronte do concello e quero trasladar a miña satisfacción e os meus parabéns ao equipo de goberno”, recalcou Gonzalo Caballero, quen destacou a Verónica Tourón como “unha muller traballadora e comprometida co seu pobo”.

“Amosa como as mulleres galegas teñen a forza e a capacidade de conseguir o que se propoñan”, afondou o líder do PSdeG, dende o convencemento de que Verónica Tourón será ao longo dos vindeiros dous anos “a mellor representante na defensa dos servizos sociais, a educación e a sanidade pública e para apoiar aos veciños e veciñas de Salceda cun proxecto de goberno para todos e todas”.

“Amosa como as mulleres galegas teñen a forza e a capacidade de conseguir o que se propoñan”

E, logo de poñer en valor que Verónica Tourón é unha muller capacitada “para sacar adiante os retos do seu concello”, Gonzalo Caballero subliñou “o compromiso municipalista do PSdeG” como “a mellor garantía para enfrontar os retos da reactivación económica e social”.

“O 55% dos galegos e das galegas teñen hoxe un alcalde ou alcaldesa socialista impulsando políticas de progreso para as persoas”, resaltou o máximo responsable do PSdeG, antes de poñer de relevo as alcaldías socialistas en cinco das sete cidades galegas e noutros máis de cen concellos.

Á toma de posesión da nova alcaldesa tamén asistiron o secretario provincial do PSdeG, David Regades; o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; os alcaldes da Cañiza, Tui, A Guarda e a alcaldesa do Porriño; os tenentes de alcalde de Mondariz, As Neves e Ponteareas; os deputados autonómicos Paloma Castro e Julio Torrado; e a voceira socialista en Salvaterra.