Gonzalo Caballero destacou a chegada do AVE a Galicia

Participou na viaxe inaugural do AVE entre Madrid e Ourense
Gonzalo Caballero celebrou a chegada do AVE a Galicia “que deixa en evidencia as mentiras de Feijóo”, segundo declarou o voceiro parlamentario socialista.

Ourense/PSdeG | O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, celebrou hoxe a chegada do AVE a Galicia “que deixa en evidencia as mentiras de Feijóo”. Fíxoo tras participar na viaxe inaugural do AVE entre Madrid e Ourense, xunto ao xefe do Estado e ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, entre outros representantes.

“Cando hai un ano as e os socialistas galegos diciamos que as obras do AVE rematarían antes de finais de 2021, Feijóo contestábanos que era mentira e que isto non sería así; pero hoxe estamos nunha xornada histórica na que se verifica que as e os socialistas cumprimos con Galicia en materia de alta velocidade”, sentenciou o dirixente socialista.

Neste sentido, Gonzalo Caballero puxo en valor a “gran aposta” por parte do goberno de España en materia de infraestruturas dende o ano 2018, que “quedou patente cos feitos”.

De feito, recordou que a súa primeira xuntanza cun ministro foi con José Luis Ábalos, daquela ministro de Transportes, “para avanzar en cuestións como o AVE a Galicia ou a rebaixa histórica das peaxes da AP-9”.

Así pois, o responsable socialista sinalou que a xornada de hoxe é “un día de felicidade e ledicia para os galegos e galegas”, ao tempo que destacou que “é tamén un día para manter os nosos compromisos, porque é preciso seguir avanzando e conectando as cidades galegas co conxunto da alta velocidade”.

“Seguir avanzando”
Ao fío disto, Gonzalo Caballero puxo sobre a mesa a necesidade de avanzar en “novos retos” de investimento en materia ferroviaria de cara aos próximos anos, en liña co feito polo goberno progresista na conexión do AVE entre Madrid e Ourense. Aludiu así a compromisos como a conexión da alta velocidade ferroviaria con Lugo ou a necesidade de levar o AVE a Vigo, xa que “non poden quedar rezagadas” con respecto a outras cidades.

No caso da conexión con Vigo, o voceiro socialista sostivo que hai que facer efectivo un “acordo de país entre todas as forzas políticas” co obxectivo de unir a cidade olívica con Madrid a través da variante por Cerdedo, xa que “a área de Vigo e a provincia de Pontevedra é unha das máis puxantes de Galicia e, neste momento, ten un tempos de conexión coa capital de España demasiado alongado”. Así, puxo en valor a xuntanza da semana pasada entre o alcalde Vigo e a secretaria de estado de Mobilidade que confirmou o compromiso socialista co AVE a Vigo.

En canto a Lugo, Gonzalo Caballero destacou o investimento comprometido polo goberno de España de 546 millóns de euros para a electrificación das vías que “permitirá dar un impulso a esta infraestrutura e dotala dunha conexión coa alta velocidade”.