Gonzalo Caballero aposta pola xeración de emprego ante a “falta de investimentos” da Xunta

Visitou Ourense xunto ao voceiro do PSdeG, Rafael R. Villarino

Ourense/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense en compañía do voceiro do PSdeG en Ourense, Rafael R. Villarino, para poñer en valor a importancia de apostar pola xeración de emprego, máxime nun momento no que os galegos e as galegas están atravesando “tantas dificultades”.

Así é que, logo de constatar que a Xunta deixou sen investir no ano da pandemia máis de 130 millóns de euros dos orzamentos para políticas activas de emprego, Gonzalo Caballero, economista de profesión, tendeu a man a Feijóo para acordar unha nova política económica que priorice o emprego.

“Estamos fondamente preocupados porque a Xunta deixou de gastar 135 millóns de euros en 2020 que estaben orzamentados, e, dende 2009, máis de 1.500 millóns de euros para facer política de emprego”, recalcou o líder do PSdeG, e subliñou que “non hai peor gobernante que o que non é quen de executar os seus propios orzamentos”.

“Estamos fondamente preocupados porque a Xunta deixou de gastar 135 millóns de euros en 2020 que estaben orzamentados, e, dende 2009, máis de 1.500 millóns de euros para facer política de emprego”

Consciente da importancia de contribuír a xerar “futuro laboral” en Galicia, Gonzalo Caballero sinalou que a política económica de Feijóo ata o de agora foi “un lastre”, posto que ata a chegada da pandemia a nosa comunidade perdeu 70.000 persoas ocupadas cando en España o aumento foi de 670.000.

Por iso, o máximo referente do PSdeG incidiu en que cómpre “unha nova política que priorice o emprego” e que non deixe os orzamentos en “papel mollado”. “En momentos de tanta crise, a cidadanía pide acordo e diálogo”, remachou.

Ademais, contrastou o feito de que a Xunta non fora quen de investir un terzo dos seus fondos para políticas de emprego coas medidas despregadas polo goberno de España para “protexer á xente” durante a pandemia. “Máis de 200.000 galegos e galegas estiveron cubertos polos ERTE para poder resistir”, exemplificou Caballero.

Situación de Ourense
Ademais, aproveitando a súa visita a Ourense, unha provincia na que “a mocidade non atopa futuro nin oportunidades”, Gonzalo Caballero lamentou a “aldraxe” do PP a esta cidade ao poñer a Jácome na alcaldía “para manter a Baltar” á fronte da Deputación.

“A cidadanía de Ourense non o vai esquecer”, advertiu, logo de recordar que o PP bloqueou a investidura de quen ía encabezando a lista máis votada nas eleccións municipais, a do PSdeG con Rafael R. Villarino.

Pola súa parte, o socialista ourensán reprobou que o PP diga “con Villarino non” para “dar futuro” á terceira cidade de Galicia mentres tenta que “con Villarino si” para “obter dedicacións”.

“O seu único interese está nas cuestións económicas propias mentres en Ourense está todo sen atender”, evidenciou Villarino, consciente de que a cidade está “inactiva” mentres o goberno local “está gastando a mans cheas en asesores”. Por iso, retou ao PP a adiantar que fará cando Jácome someta os orzamentos municipais a unha cuestión de confianza.