González Formoso defende a integridade da plantilla laboral de estaleiros Barreras

O secretario xeral do PSdeG-PSOE visitou as súas instalacións en Vigo

Vigo/PSdeG-PSOE | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamou que o estaleiro Barreras, en concurso de acredores, sexa adxudicado a unha oferta que “prime a permanencia da plantilla”. Así o dixo hoxe en Vigo, onde mantivo unha xuntanza cos representantes do Comité de Empresa, precisamente no día en que a administración concursal recebe as posibles ofertas.

O líder dos socialistas galegos lembrou que a Lei “permite que se valore por riba de todo á oferta concreta que máis conta cos traballadores e as traballadoras, que son o verdadeiro capital humano, o verdadeiro valor do estaleiro” e os “verdadeiros afectados” polo proceso. Sinalou que “calquera nave, varadeiro ou concesión ao final non son máis que ferro, papeis e investimento”.

Valentín González Formoso subliñou neste sentido que “o que hai que coidar claramente é unha resolución, unha adxudicación que prime a permanencia da inmensa maioría da plantilla do estaleiro”.

Comité de empresa
O presidente do Comité de Empresa, Sergio Gálvez, agradeceu o respaldo e apoio “claro e meridiano” do líder dos socialistas galegos no encontro de hoxe que, lembrou, coincide coa presentación dos posibles ofertantes diante da administración concursal do estaleiro.

Gálvez lembrou que das 3 ofertas, dúas delas defenden a continuidade da plantilla, e subliñou que “non entenderíamos a saída da empresa se non é coa totalidade” dos traballadores e traballadoras”. Reivindicou o “esforzo importante” por parte da plantilla, admitindo un ERTE para permitir que o estaleiro fora vendido e “sabendo que sen os esforzos pertinentes non estariamos nunha posición de venta”.

A crise do PP
“Isto non é política, a política é unha actividade na que a honestidade e a decencia deben prevalecer sempre”. Así resumiu o secretario xeral do PSdeG a crise do PP na que o presidente da Xunta entrou onte cunhas declaracións “sorprendentes” centrando o foco sobre a investigación interna entre os seus compañeiros de partido.

González Formoso puntualizou que “o grave non é que se investigue a alguén do PP, o grave é que se asuma o método de todo vale, de destruír ao adversario política con tal de permanecer no poder, sexa compañeiro ou non”.

O líder dos socialistas galegos lembroulle a Feijóo que “o fondo da cuestión radica en que a presidenta dunha Comunidade Autónoma permita a contratación a dedo por un familiar achegado cunha comisión do 20 por cento, por moi legal que sexa”. Lembra que se trata de “vender mascarillas no momento no que non as había e coa poboación queixosa por prezos exorbitantes e especulativos dun elemento básico de protección”. Valentín González Formoso sinalou que “nunca me inmiscuín na vida orgánica de ningún partido político nin vou facelo agora, pero si é certo que estamos diante dun asunto extremadamente grave que está afectando á imaxe de España no mundo”.