Gómez Reino: “Sería un terrible erro non recurrir a sentenza que indemniza os Franco por Meirás”

Unidas Podemos considera que "hai que ir ata o final" contra "os expoliadores do público"

Madrid | Antón Gómez Reino considera un “terrible erro que a Avogacía do Estado non recurra a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco por Meirás” e lembra que aínda se dispón de prazo para que se estude o recurso, se cambie de decisión e se decida “ir ata o final contra os expoliadores do público”.

Unidas Podemos cre que resulta incomprensible que se poida avalar a tese de que non houbo “mala fe no expolio continuado dun ben patrimonial por parte da familia Franco cando foi o seu ‘modus operandi’ durante décadas”. Gómez Reino amósase sorprendido por este último fallo xudicial, que choca coa apreciación da sentenza do Xulgado de Primeira instancia número 1 da Coruña que si considerou que se deu esta mala fe.

“A cidadanía galega xa pagou o Pazo de Meirás no ano 1938. Coa indemnización que establece esta sentenza volveríamos a pagar unha segunda vez por un ben que, como moitos outros, expoliou o dictador durante os anos do Réxime”, sinalou o deputado coruñés.

“Hai que chegar ao final deste proceso contra o espolio do público que fixo con total impunidade durante décadas a familia Franco. Cómpre recurrir e evitar que se sente un precendente que altere outros procesos de recuperación doutros inmobles do patrimonio público”, conclúe Gómez Reino.