Goberno ponteareán urxe a solución definitiva da seguridade na N120

Pide xuntanza cos representantes do Goberno do Estado para coordinar iniciativas

Ponteareas | O Goberno municipal do BNG-PSOE valora positivamente o reforzo de seguridade viaria anunciado polo Goberno do Estado para a N120.

A Delegación do Goberno anunciou o reforzo da sinalización de todo o tramo urbano de Ponteareas mediante a disposición de novas sinais luminosas adicionais ás xa existentes e a disposición da sinalización horizontal consistente en dentes de dragón e liñas quebradas para mellorar a percepción dos condutores e condutoras de tramos especialmente sensíbeis, ademais de dispoñer un semáforo con pulsador na contorna da Capela dos Remedios.

“Concello, Plataforma e veciñanza levamos moitos anos loitando para conseguir que se leven a cabo neste tramo melloras que nos permitan ter ao fin unha estrada segura, xa que non podemos permitir que máis persoas se deixen a vida nela”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Tras o anuncio destas novas medidas, a rexedora urxe celeridade na tramitación da aprobación do expediente de información pública e do proxecto definitivo de trazado de construción de glorietas e tratamento de marxes na N-120 dende o centro urbano ata Xinzo. A construción destas dúas rotondas é unha demanda histórica feita por parte de Concello, Plataforma e veciñanza para mellorar a seguridade viaria nesta estrada.

O Goberno municipal do BNG-PSOE pide que se peche día e hora para manter cos representantes do Goberno do Estado unha xuntanza para facilitar a coordinación entre administracións e reafirmou a súa disposición a colaborar e traballar man a man coa administración estatal para levar a cabo as melloras de seguridade viaria na N120.

O Concello lembra ademais que aínda existen outras demandas necesarias para garantir a seguridade da veciñanza no tramo desta estrada ao seu paso pola vila, como a de reforzar zonas sensíbeis como a contorna do IES do Barral “onde case 400 escolares camiñan a diario por unha estrada nacional sen beirarrúas nin máis medidas de seguridades que as adoptadas polo Concello diante do centro”.