Goberno de Salceda segue sen acordar as retribucións

Realizada a primeira Xunta de Portavoces coa ausencia do PP

Salceda de Caselas | O pasado venres 28 de xullo celebrouse a primeira Xunta de Portavoces do Concello de Salceda de Caselas desta lexislatura, reunión á que asistiron as portavocías de Movemento Salceda, PSOE e BNG, ademais da alcaldesa Loli Castiñeira. O voceiro do PP declinou participar nin designar sustitución, a pesares de que por parte da alcaldía ofrecéuselle a posibilidade de establecer un horario e un día que lle fose máis acaído.

Logo do rexeitamento da oposición no Pleno do día 13 de xullo, a alcaldesa e o seu equipo de goberno seguen a realizar as súas funcións sen percibir ningún tipo de retribución dende o 17 de xuño, día en que tomaron posesión do cargo.

Nesta Xuntanza de Portavoces, a alcaldesa presentou unha nova proposta de retribucións renunciando ao incremento do IPC proposto para as adicacións absolutas, proposta que tampouco foi aceptada por PSOE e BNG. Con esta nova proposta pasaríase do aforro do 20 % proposto inicialmente a un aforro do 23 % con respecto á lexislatura anterior.

O equipo de goberno confía en chegar a un acordo que garanta a gobernabilidade do Concello e a prestación dos servizos á veciñanza coa maior calidade posible.

“PSOE e BNG apoiaron a investidura de Movemento Salceda –explica a alcaldesa Loli Castiñeira– polo que agora son corresponsables de que o Goberno funcione con estabilidade e con capacidade de xestión”.

Para poder facelo, engade a rexedora local salcedense, “resulta imprescindible que as catro persoas que forman o equipo de Goberno poidan adicar a súa xornada ao Concello”.