Galicia presenta no Museo do Prado a candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO

A Xunta reuníuse en Madrid cos embaixadores do Comité da UNESCO

Madrid | Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, presentou no Museo do Prado de Madrid a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ante os embaixadores do Comité da Unesco, do que forman parte 21 países. Trátase do primeiro paso na nova etapa da candidatura, segundo explicou o conselleiro nun acto no que estes representantes puideron coñecer o traballo técnico realizado así como o labor de posta en valor a conservación desta paisaxe cultural.

“A Ribeira Sacra é un espazo único, cun gran valor incapaz de decepcionar a quen o visita, polo que manteremos vixente o compromiso”

Neste marco no que tamén participou o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, o titular de Cultura salientou que tras a decisión de facer un aprazamento estratéxico da candidatura atendendo ás avaliacións e informes de Icomos, Xunta e Estado mellorarán todo o que sexa preciso para dar o último paso “con toda a forza e conseguir o si definitivo”. “A Ribeira Sacra é un espazo único, cun gran valor incapaz de decepcionar a quen o visita, polo que manteremos vixente o compromiso”, sinalou.

Do mesmo xeito, apuntou que o obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra “un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”. “A decisión de pospoñer os trámites finais é unha oportunidade para fortalecer o noso traballo e mellorar algúns aspectos para que poidamos acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra”.

“O obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra ‘un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”

Para iso, tal e como apuntou, apostarase por facer “as cousas ben, como ata agora, para chegar seguros e con paso firme e decidido á valoración final”.

No evento tamén participaron a directora xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco e o director de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Guzmán Palacios Fernández en representación do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Valores excepcionais
O responsable de Cultura da Xunta tamén aproveitou para sinalar que a Ribeira Sacra é unha paisaxe que conxuga “beleza, natureza e patrimonio” que é capaz de ofrecer unha experiencia cultural en si mesma. “Este é un territorio que destaca, precisamente, pola súa capacidade para conservar os seus valores excepcionais e que reflicte a transformación pausada e respectuosa do home sobre a terra”, engadiu.

En paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha para este territorio como o Plan Ribeira Sacra, a folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe a diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do territorio, a promoción turística ou a conservación do patrimonio e dos valores.

Ademais, o obxectivo é complementar estas medidas co proxecto presentado aos fondos europeos Next Generation para actuar sobre este territorio e que aspira a captar 40M€.

Outros artigos