Galicia en Común denuncia o risco de accidente polas batidas de caza

A raíz dun recente suceso en Vilar de Barrio (Ourense)

Ourense | Galicia en Común preguntou no Congreso dos Deputados sobre os accidentes derivados das actividades de caza, a raíz do suceso producido o pasado domingo 13 de febreiro, cando unha muller de 58 anos que paseaba por Vilar de Barrio (Ourense) resultou ferida polo rebote dun disparo dunha bala procedente dunha batida de caza maior.

Segundo confirmaron fontes oficiais, a batida contaba coas autorizacións pertinentes. O portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, insistiu en que isto non é un “feito illado” e que xa hai varios rexistros de accidentes derivados de actividades de caza, incluso algún falecemento, como o dun home de 47 anos de Almonte o pasado 23 de xaneiro.

O documento pregunta ao Goberno sobre o número anual de accidentes e de mortes nos últimos vinte e dous anos, así como sobre as licenzas de caza condecidas. Galicia en Común presentou noutras ocasións iniciativas para a realización de controis para evitar accidentes de caza, por exemplo, os de consumo de alcol e drogas.

“Supón un gran risco a permisividade do uso de armas de fogo en espazos compartidos por familias e senderistas”, apuntou o deputado Antón Gómez Reino. “Hai moitas persoas que non queren pasear polo monte en tempada de caza. Non hai un formato consolidado e unificado para sinalizar as batidas e iso aumenta a inseguridade nos transeúntes. A Xunta de Galicia continúa branqueando a caza en lugar de apostar por políticas públicas de benestar animal e de fomentar un monte libre de accidentes de caza, seguro e accesible para todas”.

Propietario da foto: Club Caza.