Galicia e Portugal adiantan proxecto europeo de mobilidade sustentable

Foi presentado no Porriño no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027

O Porriño | O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na xornada de presentación de HI_MOV, un proxecto europeo enmarcado no Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. No acto, celebrado no Porriño, o director xeral puxo en valor o traballo que se está realizando para avanzar nas posibles aplicacións do hidróxeno verde na mobilidade sustentable.

Así, o proxecto busca articular un ecosistema transfronteirizo que impulse a cadea de valor emerxente ao redor do hidróxeno verde e, especificamente, no eido da mobilidade. A Xunta colabora cun orzamento superior aos 150.000 euros coordinando accións relacionadas co fortalecemento do ecosistema e da cadea de valor, así como a capacitación. Tamén intervirá no desenvolvemento de pilotos demostrativos, xestión e coordinación, entre outras cuestións.

Na súa intervención, Fernández Vila, destacou as accións que desde a Xunta de Galicia se están realizando para impulsar o hidróxeno verde como o fomento do aproveitamento de novas fontes de enerxía, a creación dun hub de hidróxeno renovable, programas de formación e mesmo a próxima convocatoria de axudas destinadas a proxectos con gases de orixe renovable.

O director xeral asegurou que Galicia e o norte de Portugal teñen potencial, polo que deben aproveitar esta oportunidade para posicionarse como rexión referente en canto a xeración, almacenamento, consumo e tecnoloxías relacionadas co hidróxeno verde, o que permitirá avanzar no proceso de descarbonización, xerar un impacto positivo no tecido produtivo, mellorar a calidade de vida da cidadanía e reforzar a súa posición no eido enerxético sustentable.