“Galego sen fronteiras” comeza con 60 estudantes de Europa, América e Asia

Iniciativa da Real Academia Galega en colaboración coa USC

Santiago de Compostela | Maftuna é natural de Ubzekistán e leva catro anos vivindo en Galicia. Desde Santiago de Compostela traballa en remoto para unha empresa norteamericana de markéting. As súas linguas maternas son o uzbeko e o ruso, no seu día a día laboral emprega o inglés, tamén fala con fluidez o turco e o árabe (o idioma en que cursou Relacións Internacionais), manéxase un chisco en italiano e con soltura en castelán. E tamén se defende ben en galego.

“Enténdoo, pero espero falar algún día coma os amigos que fixen aquí, eles sempre falan en galego”, conta. O seu perfil políglota ilustra o que teñen en común os máis de 2.500 estudantes que pasaron polas aulas dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” desde a primeira edición en 1988: un grande interese pola diversidade lingüística e cultural que cómpre reivindicar sempre, e máis nos tempos que corren, salientou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, na inauguración da trixésimo quinta edición.

A Facultade de Filosofía acolleu este mediodía o acto de benvida aos 60 alumnos e alumnas de catro continentes que participarán as vindeiras tres semanas no programa que coorganizan a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Na recepción, canda Henrique Monteagudo interviñeron a directora dos Cursos, a académica María López Sández; a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja; o vicerreitor de Profesorado da USC, o académico correspondente Ernesto González Seoane; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Henrique Monteagudo, profesor das primeiras edicións dos Cursos e posteriormente director dos mesmos, subliñou a importancia dunha iniciativa que contribúe ao coñecemento e o recoñecemento do galego, con todo o que isto significa. “Estes cursos son unha oportunidade para achegarvos á nosa cultura e á nosa lingua, que implica unha visión do mundo. Non podemos esquecer que somos unha minoría lingüística porque padecemos opresión, discriminación, e a través da nosa lingua tamén tendes unha visión do mundo desde as minorías, unha visión do mundo desde a que reclamamos a paz, a liberdade e o respecto pola diversidade”, díxolles o presidente da Real Academia Galega aos estudantes. “O recoñecemento esixe un coñecemento previo. Sobre a ignorancia créanse as discriminacións, as agresións. Cómpre reivindicar a ciencia e o coñecemento como algo que axuda a xente a vivir mellor. As culturas axudan a xente a respectarse”, engadiu.

O alumnado da nova edición procede de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México, así como doutras comunidades autónomas de España. Alén de se mergullar na lingua e na cultura galegas desde unha parte máis académica, asistirán a conferencias e participarán en obradoiros sobre música ou baile tradicional.

Programa complementario arredor das Letras das cantareiras
As propostas que complementan as aulas han poñer o foco na celebración das Letras Galegas deste ano, que a RAG lles dedicou ás cantareiras e á poesía popular oral. “Quixemos facervos partícipes dunha conmemoración que recoñece a creación e transmisión dun legado cultural de enorme valor”, indicou a directora dos Cursos na súa quenda. O calendario de relatorios contará así, entre outras persoas convidadas, co académico Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro popular galego xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. “Ela pode ser un espello para vós. Dorothé Schubarth tamén veu a Galicia desde outra cultura, quedou engaiolada pola nosa e deixounos un legado inesquecible”, lembrou María López-Sández. “Despois desta experiencia, vós tamén ides levar a lingua e a cultura galegas como referente para o resto das vosas vidas”, agoirou.

Os Cursos Galego sen fronteiras teñen sido canteira de numerosos embaixadores da lingua e da cultura de noso. Algúns deles foron tamén colaboradores posteriormente do ILG, sinalou María Álvarez de la Granja, quen lles recordou aos estudantes que o Instituto mantén para eles as portas abertas. Ernesto González Seoane referiuse tamén ao labor de proxección de Galicia e do galego que desempeña esta proposta e ao factor máis afectivo. “Esta é unha experiencia que ten moito de académico, pero en certo modo aspiramos a que vos cambie un pouco a vida, que vos faga mellores e que sirva para iniciar unha historia de contactos recorrentes, unha fermosa amizade”, concluíu o vicerreitor. O secretario xeral da Lingua convidou na mesma liña o alumnado a descubrir “un país distinto, único no mundo, moi especialmente pola súa lingua” e asegurou que a “irmandade” que se percibe nas rúas de Santiago de Compostela, sede dos Cursos, “impregna Galicia enteira”.

Referentes na proxección exterior da lingua e da cultura galegas
Entre outras personalidades que proxectan o galego a nivel internacional, polas aulas dos Cursos Galego sen fronteiras pasaron desde finais dos anos 80 do século pasado figuras como Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure; a musicóloga Paulina Ceremuzynska; José Alberto Fuentes, director de produción d’O corno, a longametraxe de Jaione Camborda premiada coa Concha de Oro do Festival Internacional de Cine de Donostia; ou Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Woxsen (A India), o primeiro de Asia.

En recoñecemento á súa importante achega á difusión internacional da lingua e da cultura de noso, os Curso foron recoñecidos en 2023 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.