Ponteareas | Torrente de emocións e chuvia de aplausos durante o acto de entrega das medallas de prata do Corpus Christi de Ponteareas 2022 ás e aos alfombristas elixidos polas entidades de cada tramo co apoio da corporación municipal, “unha proposta que demostra o valiosas e valiosos que sodes para o voso colectivo, para o Concello e, polo tanto, para Ponteareas”.
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, daba así os parabéns a todas e todos os galardoados, que cada ano achegan o seu gran de area e ilusión para “mostrar a imaxe dunha vila colaborativa, artística, musical, deportiva e acolledora como poucas, inclusiva para todas as persoas e participativa nunha manifestación tradicional e ancestral que nos une nun paraugas de traballo, respecto e tolerancia”.
Jesusa Ubeira, da ANPA Pena do Equilibrio, e en representación de todas e todos os galardonados, asegurou que “temos en común o traballo, o esforzo e a ilusión que poñemos cada ano porque a alfombra sexa máis bonita e a xente queira volver velas”.
Lembraba ao público con emoción que se trataba da primeira medalla que recollía o seu tramo, que comezou a súa actividade en 2011 cando un grupo de pais e nais decidiu facer con nenos e nenas unha alfombra floral e sacala á rúa. Agora teñen un nutrido grupo de rapaces e rapazas de entre 3 e 11 anos, “unha canteira para que nun futuro esta tradición non se perda e para que cando rematen o colexio poidan participar en moitas outras alfombras, que sempre fan falla moitas mans”.
Durante o acto tamén se fixo entrega da medalla de honra in memoriam a María de la Concepción Ojea Sarmiento polo seu traballo a prol do Corpus ponteareán durante toda a súa vida. Muller loitadora, incansábel, dedicada e comprometida, “sempre será recordada con cariño pola súa implicación, a súa capacidade organizativa e porque non dubidaba se tiña que poñer cartos do seu peto se era preciso. Ou mesmo sacar as súas olas e tixolas da cociña para gardar calquera material da alfombra”, como destacou a rexedora. A súa filla, Bibiana González Ojea, recollía o galardón e agradecía a sentida homenaxe á súa nai en nome de toda a familia.
No peche do acto, a alcaldesa lembraba que “superamos as inclemencias do tempo, como outras moitas veces nestes máis de 150 anos de tradición, non dando lugar ao desánimo nin ao derrotismo. Demostramos unha vez máis a fortaleza e determinación dun pobo que non se amedrenta ante as circunstancias adversas, e que segue adiante para dar paso ao espectáculo de cor e aroma que permanecerá con nós na espera dun novo ano e dun novo Corpus”.
Unha nova edición no que Fernández Davila asegurou que se comezará a traballar dende xa para “idear novos deseños, repensar novas maneiras de difusión e de decoración para outros espazos. A nosa vila ten que brillar, así que non perderemos un minuto. Hoxe comeza o Corpus 2023, que viva o Corpus e que viva Ponteareas”, exclamou a alcaldesa.
Pola súa banda, o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, deu os parabéns a todas e todos os premiados e agradeceu “todo ese traballo que fan desinteresadamente porque grazas ao seu esforzo, á súa paixón e á súa entrega é posible que ano tras ano as alfombras florais de Ponteareas sigan namorando a todo o mundo con esa gran mostra de arte efémera”.
Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi de Ponteareas 2022 foron:
Dámaso Ignacio Benítez Fernández, pola alfombra da Orotava.
José Antonio Cristóbal Barrio, pola Praza de Bugallal.
Margarita Chavert Pena, pola rúa Oriente.
María Nieves Domínguez Fortes polo primeiro tramo da Praza Maior.
Pilar Consuelo Ucha Groba, pola Praza Maior.
José Luis Rey Lamas, polo Cruceiro San Gregorio.
Adelaida Díaz Martín, polo primeiro tramo de Ferreiros.
Jesusa Ubeira Verea, pola Anpa Pena do Equilibro.
María del Carmen Cubillas Lamora, polo tramo Ferreiros-San Roque.
María Paz Varela Malga, pola Fonte do Baratillo.
Vanesa Bernárdez Groba, por Fernández Vega.
Óscar Porto Lavandeira polo Cantón de Boavista.
Azucena de la Fuente Mateo, polo tramo da Castiñeira.
María Rocío Rodríguez Tellado, por Santa Bárbara de Prado.
Olga Rodríguez Cuevas, pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
Bienvenida Martínez Abal, polas Monxas Reveriano Soutullo.
Rosana González Carballido, polo tramo de Reveriano Soutullo.
Josefa Estrella Rodríguez, pola rúa Constitución.