• Segue conectado
  • |

Franco Grande será Fillo Predilecto de Tomiño este sábado

A corporación municipal do Concello de Tomiño vén de aprobar a proposta da súa Alcaldesa, Sandra González Álvarez, de nomear Fillo Predilecto ao escritor Xosé L. Franco Grande.Os razoamentos ben argumentados da moción abranxen a polifacética personalidade do homenaxeado: xurista, poeta, historiador, ensaísta e filológo vocacional.

Xosé Luís Franco Grande

O dilatado labor do intelectual tomiñés foi fundamental para a reconstrución da identidade galega. Velaí está o Diccionario Galego-Castelán publicado no ano 1968 que tanta pegada deixou na formación de varias xeracións de estudantes do plan de estudos que incorporou a lingua galega no curriculum escolar. Sen o “Franco Grande”, como así se coñece o seu dicionario, sería impensable a alfabetización desas xeracións.

No ano 1967 recibíu o Premio Nacional “Rosalía de Castro” polo seu poemario Entre o si e o non. Xa con anterioridade, cando estudaba Dereito en Compostela, fora premiado repetidas veces nos concursos poéticos das Festas Minervais. “Vieiro choído” é a súa contribución ao teatro galego. É de salientar tamén a edición crítica da Obra completa de Leiras Pulpeiro, e as traducións de obras da literatura universal en colaboración con Xosé Manuel Beiras.

Franco Grande tivo un papel senlleiro no galeguismo cultural da postguerra.Formou parte da Editorial Galaxia e outras institucións culturais, durante os anos sesenta.É académico da Real Academia Galega. Desa súa actividade e doutros coetáneos dá conta en Os anos escuros. A resistencia cultural dunha xeración, obra de obrigada lectura para coñecer o proceso de reconstrución da identidade nacional da primeira metade do século pasado. O libro, segundo nos conta o seu autor, foi escrito pola necesidade de dar a coñecer unha parte importante do artellamento cultural de Galicia logo da desfeita producida pola sublevación militar e a ditadura franquista. Foi discípulo dos sobrevivintes da Xeración Nós, e deles recibíu as súas ensinanzas e o mandado de continuar o labor nos “anos escuros”.

Velaí porque o bo facer intelectual de Franco Grande abranxeu case todos os ámbitos da actividade cultural. Foi, por exemplo, pioneiro na tradución ao galego das letras de ritmos moi populares cantados en inglés, francés e italiano, conseguindo que dous cataláns gravasen senllos discos na nosa lingua: Jacinta (heterónimo de Pilar Torres) Estranos na noite de Frank Sinatra, e Luís Olivares o espiritual negro Venceremos Nós,que co tempo, un ano despois, había ser o himno das mobilizacións na revolta estudantil da universidade compostelá.

E se esa faceta foi importantísima, non foi menor a repercusión que tivo a emisión radiofónica que el dirixíu durante varios anos na emisora local “La Voz de Vigo”. Raíz e Tempo foi un programa semanal que gozou de moita audiencia. Estaba patrocinado pola Asociación Cultural de Vigo da que formou parte.

Principiou a emitirse o 10 de abril de 1966 e finalizou pola volta dos anos setenta con máis de douscentos programas. A música, a información histórica, os comentarios literarios e as entrevistas a personaxes senlleiros da cultura galega tiñan cadanseu tempo na escaleta. Esta iniciativa radiofónica axiña foi secundada por outras asociacións culturais en Galicia.

O próximo día 14 do mes que andamos o Concello de Tomiño celebrará no Auditorio Municipal de Goián, ás 12 da mañá, o acto institucional da investidura do novo Fillo Predilecto daquel municipio. Se tal honra é para Franco Grande, tamén o é para o Concello por ter o acerto de distinguir merecidamente a un galeguista de cerna.

Publicado o 12 Xan 2012 en Baixo Miño, Cultura, Lingua, Tomiño.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses desde a súa publicación. É posible que o contido non estea actualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies