Foro Territorios Patrimonio en Sober

Medio Rural pon ás persoas no centro do valor patrimonial da Ribeira Sacra xunto coa paisaxe, a historia e o viño

Sober |  A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reafirmou a aposta da Xunta pola Ribeira Sacra como un territorio que “ten que estar vivo”, no sentido de que o seu futuro pasa por conseguir que continúe tendo persoas que o habiten. E sinalou que, precisamente, os habitantes son o seu principal recurso, xunto coa paisaxe e a historia. A directora interveu esta mañá na apertura institucional do Foro Territorios Patrimonio, acto que tivo lugar nas Bodegas Regina Viarum e no que estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Neste contexto, Rodríguez amosou o seu desexo de que a Ribeira Sacra reciba o recoñecemento internacional como Patrimonio da Humanidade, “polo que tanto se traballou”, engadiu. Porén, indicou tamén que “pase o que pase, hai algo que xa temos: o orgullo de contar cun territorio único e cunha xente que leva anos demostrando o seu valor”.

A viticultura heroica
A directora fixo especial fincapé no viño como factor de desenvolvemento desta zona e na súa importancia á hora de definir unha paisaxe única a través da viticultura heroica. Neste sentido, afirmou que “heroicas son tamén as persoas que fan posible esa viticultura” e valorou a capacidade deste territorio para unirse na candidatura a Patrimonio da Humanidade e de conseguir que administracións e xentes con diferentes sensibilidades traballasen xuntas.

Así, sobre o papel do Goberno galego, reiterou o seu compromiso por “seguir acompañando este camiño” mediante o apoio aos viticultores, o impulso á incorporación de novas xeracións ao rural, a axuda ás adegas para seguir mellorando a súa calidade e competitividade e promovendo un produto que representa moito máis ca unha botella de viño; representa “unha forma de entender a vida”, remarcou Rodríguez.

Na mesma liña, a directora da axencia adscrita á Consellería do Medio Rural definiu a Ribeira Sacra como “un lugar que se sente”, como algo máis que un destino que se pode visitar. E por iso, advertiu, “cando falamos dela, estamos falando dunha maneira de entender Galicia, e iso é Galicia Calidade”, aseverou.

En relación con este foro de Sober, Rodríguez puxo en valor os seus dez anos de traxectoria a través dos que se creou “un espazo para pensar antes de actuar”, así como tamén “para escoitar, dialogar e para mirar o futuro sen esquecer as raíces”. E trasladou que a cita “demostra que o patrimonio non é só aquilo que recibimos, senón tamén aquilo que decidimos entregar”. Nas fotos o embarcadeiro Os Chancis e escultura nos viñedos de Doade, ambos en Sober.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.