Finalizadas as obras de mellora no Club de Remo Robaleira da Guarda

Grazas a un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba (centro) acudiu ás instalacións deportivas.

A Guarda | Un convenio entre o concello da Guarda e a Secretaría Xeral para o Deporte fixo posible o financiamento dunhas obras no club de remo Robaleira que non podían demorarse por máis tempo. O deterioro da cuberta do edificio estaba provocando estragos que se viñan agravando nos últimos anos.

O concello, na súa política de mellora das instalacións deportivas da localidade, trasladou ao Secretario Xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete, a urxencia desta obra, motivada pola chegada do inverno. O alcalde, Antonio Lomba, agradece publicamente a rápida implicación do Secretario no financiamento desta actuación.

Estas obras contaron cun orzamento total de 29.383,49 €, dos cales 23.506,80 € os achegou a Secretaría Xeral para o Deporte e 5.876,69 € foron achega municipal.

Dende o club tamén trasladaron ao alcalde, Antonio Lomba e a concelleira de deportes, Montse Magallanes, o seu agradecemento pola implicación do concello na mellora das instalacións. Agora a directiva está facendo xestións para decorar con pinturas murais as paredes exteriores do edificio. O concello tamén está disposto a ser participe desta iniciativa.

Tanto o concello como a Secretaría Xeral para o Deporte participan neste proxecto co obxectivo de potenciar o deporte base, sendo conscientes da importancia da colaboración económica de todas as administracións para afrontar obras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva.

Para as redes sociais empregaremos os seguintes hashtag #aguarda #deporte #infraestruturas #remo.