Fin da xira de “Galego pode selo calquera”

O actor e humorista Alberte Montes levou a catro escenarios da xeografía galega este verán da man do programa de dinamización do galego ‘FalaRedes’

Toén | Alberte Montes, coñecido polo seu paso por Comedy Central, aparicións en series como ‘El Pueblo’, programas da TVG como Luar ou Land Rober e papeis cinematográficos protagonistas como o de “Padín” na serie ‘Fariña’, subirá ao escenario do Campo da Festa de Alongos este sábado 8 de agosto ás 20:30 h. co seu renovado espectáculo de humor “Galego pode selo calquera”.

Esta proposta escénica de Alberte Montes, baixo a produción de Hermanager Producións, volveu a diferentes escenarios galegos este verán (O Carballiño, Boiro, Ribadeo) grazas ao interese e patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua para incluíla no programa de dinamización do galego, ‘FalaRedes’.

Galego pode selo calquera
Ser galego é doado? Depende. Os galegos temos un xeito de ser característico e diferenciado e historicamente téñense empregado tópicos derivados del para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastrásemos algo de autoxenreira.

Ata non hai moito pensábase que a baixa autoestima dos galegos era crónica, pero Alberte Montes demostraranos con este monólogo, dende o humor, que non é así, que eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo do estigma combatendo os ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufándonos das nosas diferenzas. Ser galego non é só parar na escaleira e facerlle crer á xente que non sabemos se subimos ou baixamos. Para ser galego hai que reunir moitas máis aptitudes… entre elas, falar con orgullo a lingua de Rosalía.

Alberte é actor, cómico e guionista. Traballou en televisión, cine, teatro, radio e publicidade.

Como actor, na Televisión de Galicia, protagonizou as series de comedia DO DEREITO E DO REVÉS e AUGASQUENTES. Interveu ademais en MANO DE HIERRO, RAPA ou VIDA PERFECTA, entre outras. Formou parte do elenco de EL PUEBLO (Prime Video) e é un dos protagonistas de FARIÑA (Netflix).

En cinema, participou recentemente nas películas DOS DÍAS de Gonzaga Manso e CATORCE DE MARZO de Alberto Gross, que se estreará na vindeira Berlinale. Púidoselle ver tamén noutras como BIRD BOX BARCELONA dos irmáns Pastor, EL OLIVO de Icíar Bollaín ou REC 4 de Jaume Balagueró.

Como cómico participou de programas como LAND ROBER ou TOURILANDIA (TVG) ou BUENAS NOCHES Y BUENAFUENTE (Antena3) ou EN EL AIRE (La Sexta). Cara coñecida tamén de GOL TV, canle na que formou parte dos programas LOS LUNES AL GOL e LOS INFILTRADOS. Recentemente presentou o programa NO HAY PASIÓN PEQUEÑA.

Colabora en radio, actualmente na Radio Galega e RNE. Anteriormente na Cadena SER.

En teatro acumula dezaoito anos como profesional, percorrendo España en compañía e cos seus espectáculos de stand up comedy, chegando a preto das 1.000 actuacións en directo. Formou parte do elenco de humoristas da canle COMEDY CENTRAL, na que gravou dous especiais de comedia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.