Festival internacional Rebulir para a difusión da música e do baile tradicional

A ampla programación de actividades en Ourense, Celanova e Ramirás

Ourense | Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e Gabriel Alén, delegado da Xunta en Ourense, participaron na presentación do Festival Internacional Rebulir (FIR 2023), que este ano celebra a décimo oitava edición. No acto tamén estiveron a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, e o director artístico e académico do FIR, Alexandre Sotelino.

Ata o vindeiro domingo, día 17, desenvolverase ao abeiro deste festival unha ampla programación en Ourense, Celanova e Ramirás. Entre outras propostas haberá unha feira turística e de promoción, foliadas polas rúas, obradoiros de bailes do mundo, actividades de animación, exposicións ou paneis informativos no Espazo Xove de Ourense, en diversos centros culturais ou na residencia de maiores O Mosteiro, entre outras localizacións. De feito, hoxe pola tarde, no Espazo Xove celebrarase unha charla sobre o audiovisual e un obradoiro de ‘Danzas do Mundo’, cuxas prazas, en ambos casos, están esgotadas.

A gala central terá lugar en Ramirás o sábado, día 16, coa actuación de grupos de música e baile tradicional de Galicia, Estremadura, Portugal, Bolivia e Senegal. Ademais, nesta gala farase entrega dos premios Rebulir 2023 ao actor Luis Zahera, ao músico Xurxo Fernándes e ao programa da Radio Galega ‘Lume na palleira’.

A directora xeral e o delegado territorial destacaron que este festival gaña edición tras edición en importancia, consolidándose como un evento de referencia. Neste sentido, aplaudiron o traballo dos organizadores pola recuperación e difusión da música e do baile tradicional.