Fagámoslle un traxe a Feijóo.

E outro aos seus camaradas. Que non se diga que o pobo galego non sabe agradecer e valorar os moitos servizos que lle prestaron á caverna madrileña. A todos eles gústalles vestir ben e non é cousa de que o noso líder carismático desentoe.

Jácome e Baltar tamén precisan un traxe acorde ás súas medidas para que cando vaian a Madrid podan campar ben e poidan dicir: Este é o premio do pobo galego polos nosos “desvelos”. Que non se diga que Galiza viste mal aos seus líderes.

Un traxe a raias é o que merecían, pero xa non se estila nas prisións… Mirade polas prisións e tratade ben ao seu funcionariado, porque á escola non ides volver pero a prisión nunca se sabe.

“Un traxe a raias é o que merecían, pero xa non se estila nas prisións…”

Quen lle ía dicir a Urdangarín que acabaría preso. Ou a Rato ou a Blesa… ou a tantos compinches do PP. A vida pode dar moitas voltas. Polo que poda pasar, mirade polas prisións e tratade ben ao seu funcionariado. Curádevos en saúde e non xoguedes con lume.

Porque cabe a posibilidade de que o PP nunca máis goberne Galiza… O ben pode ter derrotas, recupérase; o mal non. E aos que estades arrodead@s de fascistas, só vos dou un consello: onde non ten que pasar o fascismo é a voso corazón. Se non pasa ao voso corazón, resistiredes.

E resistir é combater. Xa o dicían as nais da Praza de Maio de Arxentina. Hoxe é día 28 de Decembro; poñamos que esta é a miña inocentada…

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.