Expourense prepara un Xantar completo e presencial

Expertos de España e Portugal perfilan o programa de accións profesionais

Ourense | Despois da edición de 2021 que supuxo unha transición cara á normalidade postpandemia, Xantar 2022 regresa a Expourense entre o 9 e o 13 de novembro como feira completa, presencial e, segundo expectativas da organización, masiva no referente á participación tanto de expositores como de visitantes.

Esta mañá celebrábase de forma virtual o comité asesor da 23ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico no que unha quincena de expertos en hostalería e turismo de España e Portugal perfilaron o programa de accións profesionais do salón que incluirá máis de 100 actividades relacionadas coa gastronomía sostible e saudable.

Xantar 2022 consolida así o cambio de datas para o mes de novembro (antes celebrábase no mes de febreiro) e celebrarase entre o 9 e o 13 de novembro, coincidindo coa celebración do San Martiño, patrón da cidade de Ourense e dos tradicionais magostos.

Aproveitando este Dobre Ano Santo Xacobeo 21-22 que xa conclúe, a próxima edición de Xantar volverá estar centrada na promoción da gastronomía dos distintos camiños a Compostela. Unha das novidades desta edición será que ademais é a primeira edición con Alta Velocidade, un feito que amplía o denominado “turismo de proximidade” a practicamente toda a Península.

Para animar aos habitantes das cidades orixe dese tren como poden ser Madrid ou Zamora, Xantar lanzou, en colaboración con Sente Galicia, un paquete turístico para convidar a visitar Ourense durante un par de días coincidindo coa celebración do salón. Tamén se organizaron presentacións en senllas cidades para promocionar o evento e a visita á cidade.

Durante a reunión deste comité, o director de Xantar, Rogelio Martínez, indicou “que a superficie expositiva desta edición está cuberta ao 100%” e destacou o alto índice de fidelidade por parte dos expositores, tanto no caso das entidades públicas como no das empresas privadas. Destaca ademais a masiva presenza das cámaras municipais do Norte de Portugal e tamén o compromiso da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal.

Xantar 2022 poñerá en marcha as accións de sempre, este ano xa sen as restricións nin medidas sanitarias que tiveron que adoptarse na edición de 2021. Mantívose a redución no número de restaurantes e contarase cun total de 7 procedentes de distintos puntos de Galicia, de Zamora, de Portugal, e como novidade, un de Massachusetts, nos Estados Unidos.

Como é habitual, o programa de accións que ofrecerá o salón estará orientado a proxectar internacionalmente, desde a perspectiva da calidade e da sustentabilidade, o turismo enogastronómico de Galicia, do resto da Península Ibérica e de Iberoamérica. Estas actividades serán fundamentalmente o décimo sétimo Encontro Internacional Sobre Gastronomía Saudable e Sostible que incluirá talleres de cociña de prestixiosos chefs, catas comentadas, presentacións e conferencias e nova edición do encontro internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas e do Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos.

Tamén se puxo en marcha unha nova edición do Túnel do Viño e do Concurso Gourmet Grupo Cuevas. Para todo iso, cóntase con 3 aulas gastronómicas e unha aula de cata que dará ao amplo programa desta edición, con máis de 100 actividades durante cinco días.

Haberá ademais un espazo reservado á promoción das festas gastronómicas de Galicia con continúas degustacións dos produtos protagonistas destas festas e cuxa exaltación foi a orixe de Xantar hai xa 23 anos.

Comité asesor
A reunión do comité asesor estivo dirixida polo director de Xantar e contou coa participación da directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez; a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández; a xefa de servizo da Dirección Territorial do ICEX, Mar Arias; a xerente do INORDE, Emma González; o secretario xeral de ANFACO, Roberto Alonso; o representante da AGACAL da Consellería do Medio Rural, Marcos González; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; a xefa territorial en Ourense da Consellería de Sanidade, Laura López; o presidente da Federación de Hostalería de Ourense, Ovidio Fernández; o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares; a técnico de promoción do CRDO Monterrei, Natalia González; o vicedirector do IES Vilamarín, Xoan Pouse; o presidente da Federación Española de Confrarías Gastronómica, Juan Manuel Garmendia; a técnico de turismo de Porto e Norte, Cristina Mendes; o presidente da Asociacion Galega de Enólogoes/Enólogos, David Pascual; a directora da Escola de Hostalería e Turismo de Ourense, Noelia Fernández; a representante de Cociña Ourense, Begoña Vázquez e o delegado de Xantar para Portugal, Antonio García.