Expourense pensa xa na 2ª edición do Salón do Vehículo Clásico

A provincia de Ourense, con gran afección ao automobilismo, ten xa a súa propia feira de clásicos

Ourense | O Salón do Vehículo Clásico chegou para quedar no calendario feiral de Expourense. Os bos datos de participación e a satisfacción obtida por expositores e visitantes, levan a pensar xa na segunda edición que se celebraría a comezos da primavera de 2024. A organización calcula que esta primeira edición recibiu ao redor de 3.000 visitas, de Galicia e de Portugal fundamentalmente, durante toda a fin de semana.

Tanto na xornada de onte como na de hoxe, as visitas mostraron a súa satisfacción despois de ver a exposición e sorprenderse tanto pola gran cantidade e calidade dos coches expostos como polos produtos e servizos que ofrecía a trintena de empresas que participaron como expositores. Cabe destacar ademais o éxito do aparcadoiro reservados a clásicos de particulares que accederon ao recinto no seu propio vehículo. En total, estiveron expostos neste aparcamento máis de 100 vehículos durante as dúas xornadas.

Con esta nova cita, Ourense xa ten a súa propia feira de clásicos e o seu punto de encontro na provincia para a gran cantidade de afeccionados ao automobilismo. Organizado por Expourense, esta primeira edición do Salón do Vehículo Clásico contou co apoio da Deputación de Ourense.

Con este salón, Expourense conclúe a súa actividade feiral do primeiro semestre de 2023. A próxima será xa do 4 ao 6 de outubro coa celebración de Termatalia Uruguai no país americano.