Exposición “Os camiños de Elías Valiña” na igrexa do Cebreiro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu a súa inauguración

O Cebreiro | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á inauguración da exposición “Os camiños de Elías Valiña”, na igrexa de Santa María do Cebreiro, onde destacou o labor levado a cabo polo sacerdote como estudoso e revalorizador do Camiño de Santiago.

Segundo indicou Xosé Merelles, Elías Valiña impulsou cunha variedade de accións a peregrinación internacional e tradicional a Compostela nos anos 60, 70, 80. Dende o punto de vista académico, coa súa tese de doutoramento sobre o Camiño de Santiago cunha perspectiva histórico-xurídica e tamén elaborando diversas guías do Camiño de Santiago, que acadaron moitas edicións.

Elías Valiña desenvolveu un papel fundamental cara os peregrinos, sinalando a ruta xacobea coas frechas amarelas, e traballou arreo na restauración da igrexa do Cebreiro, na mellora da aldea e da vida dos seus veciños.

Tamén tivo ocasión de participar en congresos e escribiu multitude de artigos para xornais e para a revista “Peregrino”, órgano comunicador do asociacionismo xacobeo en España. E sobre todo, produciu o boletín sobre o Camiño de Santiago, unha fonte indispensable para o coñecemento da peregrinación xacobea a finais do século XX.

“Con esta exposición multimedia e itinerante que hoxe inauguramos, desexamos facerlle unha homenaxe a don Elías, continuar o seu legado pioneiro, pero tamén levar á poboación as súas ilusións, o seu entusiasmo no traballo a prol do Camiño; e ao tempo amosar os logros que desenvolveu na recuperación da ruta xacobea e a peregrinación a Santiago”, indicou o director de Turismo.

Os camiños de Elías Valiña é unha proposta expositiva que tamén celebra o 30 aniversario da declaración, por parte da UNESCO, do Camiño de Santiago como Patrimonio Mundial, e que tamén forma parte da programación galega dentro do marco da presidencia española da UE. A mostra viaxará por diversas localidades de Galicia, entre xullo de decembro deste ano. Primeiro verase no Camiño Francés, iniciando a súa peregrinaxe no Cebreiro, para continuar a Sarria e Arzúa, rematando en Santiago de Compostela, concretamente no Museo das Peregrinacións.