Exposición de gando vacún en Montederramo o 12 de outubro

Non se celebrará a Feira-Festa da carne
Exposición de gando na edición de 2019.

Montederramo | O día 12 de outubro Montederramo non celebrará a tradicional Feira- Festa da Carne por mor da actual situación pandémica. Con todo haberá a feira mensual e a III Exposición de Gando Vacún.

Participarán gandeiros de Santiago da Medorra, Corrainzas, Leboreiro, A Graña, Suspiazo, Paredes, Verducedo e Xestosa que contan con explotacións gandeiras. Este municipio ten na gandería uno dos importantes recursos económicos.

Estímase que participen na exposición cen cabezas de gando, a maioría de raza Loura Galega. Desde primeira hora da mañá e ata o solpor, os gandeiros mostrarán o mellor das súas ganderías, exaltando unha edición máis a excelente calidade das súas carnes de vacún, grazas a que se alimentan nuns pastos de montaña 100% naturais. Isto fai que as condicións de produción tamén sexan máis difíciles, debido á súa orografía e altitude.

“Decidimos facer a exposición aínda que este ano non haxa feira da carne para darlle á gandería a importancia que merece, apostando pola vida no rural”, sosten a organización.
Montederramo celebra desde fai 29 anos a Feira da Carne na que é habitual servir 1.400 racións de empanada e outros tantos platos de carne ao caldeiro e de carne richada. Tamén viño da Ribeira Sacra e bica de Montederramo xunto co licor café.

Os comensais adoitan levar o plato e a cunca de barro como recordo xa que entra no menú de 18 euros. Animan a feira as charangas e grupos de gaitas.

Este ano, como no pasado 2020, queda suspendida esta actividade gastronómica pero, nun lameiro da entrada da localidade, estará aberta a exposición de gando vacún. Na rúa principal instalaranse múltiples postos de venta de produtos do campo.