Foi moi complicado exercer de galego, de demócrata e de socialista na Admón. do Estado e apenas puiden facer unha mínima parte do que desexaba. É por iso polo que agora a miña identidade galega está fortalecida e rexeito sentirme español, monárquico ou constitucionalista. Son nacionalista galego.
Durante máis de dúas décadas os españolistas negáronse a respectar os meus dereitos legais, así que agora somos adversarios. Tiven algúns amigo/as españois e traballamos xuntos; porén a vida e a defensa dos dereitos e intereses de Galiza nos separaron. Facer algo por Galiza, aínda que sexa pouco, sentirme útil é moi gratificante. Como dicía Lao Tsé: o amor é invencíbel no ataque e invulnerábel na defensa. Sempre sentín querencia pola humanidade, pola xustiza , por Galiza, pola paz (terei que ler o libro de Zapatero: “La solución pacífica”) e, aínda que pareza contraditorio coa profesión que escollín, tamén aprecio moito a liberdade.
“Quixera ver a Ana Pontón de Presidenta da Xunta, facendo gala da súa capacidade de diálogo construtivo”
Quixera ver a Ana Pontón de Presidenta da Xunta, facendo gala da súa capacidade de diálogo construtivo, e ao BNG no Goberno, afanándose na reconstrución e progreso do noso país. No Colectivo de xubilados da C.I.G. temos unha certa actividade, que agora está en parón estival. Milito no BNG, colaborando nas súas actividades de rúa, son amigo dalgunha xente da UPG (discrepancias aparte), son socio de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e da Mesa Pola Normalización Lingüística. E, aínda así, teño tempo para gozar da miña xubilación e estar coa familia. Porén os dereitos non se conquiren sen loita, sen esforzo e sen pasar penalidades. No entanto, sempre paga a pena.