EVEGA asesora aos viticultores afectados polo pedrazo en Chantada (Lugo)

O conselleiro do Medio Rural, José González, comprobou os danos causados pola sarabia
O conselleiro de Medio Rural, primeiro pola esquerda, na zona afectada pola sarabia.

Chantada | A Xunta desprazou técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Evega) á localidade lucense de Chantada para asesorar -en coordinación co persoal das Oficinas agrarias comarcais (OAC)- aos viticultores afectados pola treboada de pedrazo. Así o dixo o conselleiro do Medio Rural, José González, que comprobou os danos causados pola sarabia neste concello lugués.

Segundo apuntou, estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, nas parroquias de Pesqueiras e Líncora, en Chantada, e nas de Rebordaos e Diomondi, no concello veciño do Saviñao. Con todo, o conselleiro apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten o total dos estragos.

“Técnicos da Consellería do Medio Rural fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións”

José González comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados.

Nesa dirección, facilitou o número de teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte, para que os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento, recalcando que dito número estará activo tamén durante a vindeira fin de semana.

Seguros agrarios
O conselleiro fixo un chamamento ao conxunto dos produtores da nosa comunidade, para que se acollan á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios. Así, destacou que as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascende neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado.

Nesa liña, insistiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias.

Así, coas axudas da Xunta para impulsar a contratación destes seguros -engadiu- perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o de onte, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.