Eva Piay Fernández, gañadora do XVIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración

Organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros

Ourense | A ilustradora ourensá Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999) foi a gañadora do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros. O xurado destacou das ilustracións gañadoras “a súa coherencia co texto gañador, permitindo unha lectura visual moi clarificadora para o público infantil”.

O traballo de Eva Piay Fernández ilustrará o libro O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, gañador deste mesmo certame na modalidade de narración. O xurado subliñou que “as imaxes son moi estéticas e acabadas”.

Na acta do fallo tamén se destacan das ilustracións gañadoras “os seus amplos planos que dan lugar á imaxinación, ofrecendo panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración”.

O xurado do XVIII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais David Canda Castro, Antón Alonso Suárez, Xosé Antón Dorrío Vázquez e Isabel Mociño González.

Eva Piay Fernández, que se presentou ao certame co pseudónimo “Auga doce”, naceu en Rubiá, Ourense no ano 1999. Animada polos libros de poucas palabras e moitos debuxos, no ano 2017 trasladouse a Valencia a realizar estudos en Belas Artes, dos que se atopa cursando o último ano.

Compaxinando os estudos, participa coas súas ilustracións na edición de varias revistas e fanzines, e ten colaborado ademais con escritoras, concellos e organizacións en traballos de ilustración e cartelería. Tamén se desenvolve profesionalmente cara a escultura e a pintura.