EUROPE DIRECT A Coruña busca dez Embaixadora/es do Ano Europeo da Xuventude

Iniciativa de comunicación sobre as oportunidades da UE para a xuventude

Deputación da Coruña | O centro EUROPE DIRECT A Coruña busca Embaixadora/es do Ano Europeo da Xuventude dentro do seu ClubUE. Durante dúas semanas, dez mozos e mozas de entre 18 e 25 anos compartirán a través da rede social Instagram algunhas das principais iniciativas e programas que a Unión Europea ten para a xente nova.

O obxectivo desta proposta é tanto implicar á mocidade da provincia para que se active como cidadanía europea como achegar dun xeito directo a información sobre as oportunidades da UE a esta franxa de idade. As persoas participantes desfrutarán dun bono de interrail.

Embaixadora/es do Ano Europeo da Xuventude iniciarase o vindeiro luns 20 coa apertura do prazo de inscrición para os e as euroinflUEncers que queiran participar. A selección farase por orde de anotación entre os mozos e mozas que cumpran os requisitos. Deberán ter entre 18 e 25 anos, residir ou ter nacido nun concello da provincia da Coruña, pertencer ou darse de alta no ClubUE e ter un perfil de Instagram activo cunha antigüidade mínima de tres meses.

Entre o 4 e o 17 de xullo terá lugar a publicación das mensaxes nas redes dos mozos e mozas, que serán amplificados tamén por EUROPE DIRECT A Coruña. Falarán sobre o Ano Europeo da Xuventude e o seu mapa de actividades, o programa Erasmus Plus e o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES e o concurso DiscoverEU.  A campaña identificarase co cancelo #EmbajadorxsEYY2022.

Seguindo o espírito da iniciativa de ensanchar o coñecemento sobre a UE entre a mocidade, os e as participantes que completen os requisitos gozarán dun bono Interrail Global Pass que permite viaxar durante un mes cun número total de sete días de transporte e que se poderá empregar ata finais de xullo de 2023.

A Comisión Europea celebra neste 2022 o Ano Europeo da Xuventude co obxectivo de activar a visión, o compromiso e a participación de todos os mozos e mozas para construír un futuro máis verde, máis inclusivo e dixital.

Esta actividade de EUROPE DIRECT A Coruña está organizada dentro da programación do seu ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE, e continúa a liña de traballo do programa #EuroinflUEncer que busca implicar ás persoas novas na divulgación de campañas e iniciativas da Unión Europea para achegalas dunha maneira directa ao seu grupo de idade e dentro do eido local.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/embajadores-del-ano-europeo-de-la-juventud

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos