Europa: eleccións baixo convulsión.

A Unión Europea xogase o seu futuro coas eleccións parlamentarias previstas para o vindeiro 9 de xuño. Nestes comicios elixiranse 720 deputados para o período 2024-2029, cuxas decisións terán repercusións para os 450 millóns de persoas que habitan dentro do espazo comunitario. Non obstante, o clima previo a estes comicios amosa síntomas de violencia política, en gran medida determinados pola dinámica do conflito ucraíno, a crecente polarización política interna e as consecuencias da recomposición das alianzas xeopolíticas estratéxicas a nivel global, particularmente ante a consolidación do eixe euroasiático sino-ruso e a dependencia europea dos imperativos ‘atlantistas’ vía OTAN.

Este clima de violencia política levou a un inesperado intento de asasinato do presidente de goberno eslovaco Robert Fico o pasado 15 de maio. Con anterioridade o presidente serbio Aleksandr Vucic tamén sufriu unha tentativa similar. No caso do mandatario eslovaco as autoridades sospeitan dun militante de extrema dereita considerado ‘prorruso‘, un perfil similar á da súa vítima, a quen os mass media vinculan co Kremlin polas súas críticas e reticencias á secundar a axuda militar e económica para Ucraína. Así, os intentos de asasinato contra Fico e Vucic poden verificar unha pista de ‘rusofobia’ en aumento en Europa.

A pista ‘rusa’ parece redimensionarse cara outros escenarios, particularmente a guerra ucraína. A visita sorpresa a Kiev do secretario de Estado estadounidense Anthony Blinken foi un ‘espaldarazo’ para o seu anfitrión Volodymir Zelenski, actualmente en horas baixas. A visita de Blinken da a entender os temores occidentais ante a efectividade da ofensiva militar rusa cara a estratéxica localidade de Járkov, que ampliaría o control militar do Kremlin no leste e centro ucraínos. Toda vez a superioridade militar rusa contrasta cos problemas de recrutamento de efectivos que ten Zelenksi. Estas preocupacións moi probablemnte influíron para que o presidente ucraíno suspendera de súpeto unha xira prevista por España e Portugal.

Isto nos leva directamente a Moscova, o novo ‘imperio do mal’ para Europa. Un Vladimir Putin que oficialmente entronizou un novo mandato o pasado 6 de maio tamén deu un volantazo político estratéxico: destituír ao seu ministro de Defensa, Serguéi Shoigú, por un civil, Andréi Belousov, un tecnócrata que ten demostrada a súa eficacia na xestión económica.

Este inesperado xiro político no Kremlin que afecta ao poderoso estamento militar deixa varias claves na mesa: reestruturación das altas esferas de poder, xogos de equilibrios entre os clans políticos, posible purga encoberta e redefinición das prioridades cara unha ‘economía de guerra’ con capacidade para mater o esforzo bélico a longo prazo. Todo isto afectará non só na fronte ucraína senón na cada vez máis evidente guerra silenciosa entre Rusia e a OTAN. E, por suposto, nas decisións que tome o próximo Parlamento europeo.

“O cumio Xi-Putin en Beijing confirma a solidez do eixe euroasiático sino-ruso ante as presións occidentais”

Por outra parte, Putin viaxou a Beijing (16-17 de maio) para reforzar a alianza estratéxica co seu homólogo chinés Xi Jinping. A posta en escena confirma a solidez do eixe euroasiático sino-ruso ante as presións occidentais. Xi viña de realizar unha xira por Europa tras cinco anos de ausencia por Francia, Serbia e Hungría, neste último país onde anunciou xunto ao seu aliado e anfitrión Viktor Orbán a apertura dunha fábrica de coches eléctricos no país centroeuropeo. Nesa xira europea, Xi consolidou as alianzas euroasiáticas sino-rusas con Serbia (aspirante ao ingreso na UE) e Hungría (membro da UE e da OTAN) toda vez enviou unha sutil mensaxe a Francia sobre os novos reacomodos xeopolíticos globais.

Non saímos do espazo euroasiático. Tras varios días de violentas protestas e represión policial, o Parlamento xeorxiano aprobou (15 de maio) unha polémica Lei contra Axentes Estranxeiros coloquialmente denominada “Lei rusa” pola súa similitude coa que impera en Rusia desde 2022. Con esta lei, activistas e ONGs locais que reciban un mínimo de 20% de financiamento exterior serán sometidos a unha vixilancia extrema e posible expulsión do país caucásico. A “Lei rusa” condiciona un pulso xeopolítico entre Rusia e Occidente por controlar esferas de influencia no Cáucaso, unha rexión estratéxica para a seguridade nacional rusa, ruta de paso de proxectos enerxéticos dende o Mar Caspio e entrada xeográfica ao volátil e convulso Oriente Próximo.

Como sucedera co “Maidán” en Kiev en 2014, altos cargos europeos, neste caso dos gobernos de Islandia, Estonia e Lituania, viaxaron á capital xeorxiana Tbilisi para manifestar o seu apoio ás protestas populares contra a “Lei rusa” argumentando que afasta a Xeorxia das súas negociacións de ingreso na UE, abertas oficialmente en decembro pasado. Se ben a presidenta xeorxiana Salome Zubarishvilii vetou a lei, o Parlamento moi probablemente volverá a ratificala.

Logo está Oriente Próximo. Israel aproveitou unha conxuntura relevante (polémica en Eurovisión; Día Nacional israelí e Nakba palestina do 15 de maio; votación na ONU para ampliar os deretios palestinos como Estado membro) para lanzar a súa ofensiva militar en Rafah, paso previo para unha expulsión definitiva dos palestinos de Gaza. Con todo, o goberno de Benjamín Netanyahu ve afectada a súa imaxe internacional polo xenocidio en Gaza, o cal repercute nun illamento diplomático no que incluso o seu aliado irrestrito estadounidense comeza a marcar certas distancias.

Netanyahu está perdendo a batalla da narrativa ante a opinión pública internacional e incluso interna, con fortes cuestionamentos dos cidadáns israelís sobre o custe dunha ofensiva militar que non termina de dar completamente os seus froitos nin de derrotar a un Hamás, aparentemente máis consolidado como movemento de resistencia palestino.

Por outra banda, o inesperado falecemento do presidente iraniano Ibrahim Raisi e varios dos seus ministros nun accidente aéreo este 19 de maio implica directas consecuencias en temas relevantes para a seguridade internacional como o futuro do programa nuclear iraniano (no que Europa ten voz na negociación con Teherán) e o pulso rexional entre Irán e Israel. Todo isto sen desestimar as claves internas no propio país persa, que poden anunciar cambios políticos. Todo isto sen esquecer que Teherán é aliado estratéxico do eixe sino-ruso.

Volvemos a Europa. Ante un convulsionado contexto exterior os visos de preocupación e certa desesperación nótase nos círculos de poder en Bruxelas ante o avance das opcións ‘euroescépticas’, de populismos extremistas críticos con Bruxelas e incluso opcións ‘prorrusas’.

A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, xa fala abertamente dunha fronte parlamentaria de dereitas incluso amparando o branqueamento de apoios deses partidos extremistas e ‘euroescépticos’ ou ‘antieuropeístas’. Incluso saen expectativas apocalípticas para o proxecto europeísta: algunhas enquisas advirten que ata un 25% do próximo Parlamento Europeo estaría dominado por este espectro político extremista e crítico coas elites europeístas.  A polémica visita a Madrid (17-19 de maio) do presidente arxentino Javier Milei para asistir a un acto do seu aliado VOX onde tamén participaron líderes críticos con Bruxelas como Marine Le Pen, Giorgia Meloni e Viktor Orbán da a entender que esta ‘fronte anti-UE’ está surcando incluso os límites atlánticos e quere ter influencia nos vindeiros comicios parlamentarios.

“Europa vive momentos de zozobra e de aparente incapacidade para reconducir unha crise cada vez máis estrutural”

Todas estas variables darían a entender que existen forzas centrípetas dentro da UE que premen por mudar o seu ethos de espazo de pacificación e cohesión social cara unha vertente cada vez máis confrontativa e militarista. En medio deste contexto convulso, Europa vive momentos de zozobra e de aparente incapacidade para reconducir unha crise cada vez máis estrutural.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.