Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza o IV Simposio Internacional de Escultura do Miño

Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez

Tomiño |  A cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, xa ten data de celebración: do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Así veñen de acordalo nunha reunión de coordinación entre responsables de ambos gobernos municipais a pasada semana.

O evento, previsto inicialmente para o mes de xuño, tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19, decidindo os coordinadores reprogramar as datas de celebración deste certame internacional xa consolidado, no que seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo, traballan en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós, e que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio xa recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países. O proceso de selección das obras rematará probablemente a finais do mes de marzo, e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. “Este ano a decisión vai ser moi difícil porque temos enriba da mesa proxectos moi interesantes”, explica Pobornikova.

Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. As seis novas obras de arte resultantes, coma vén sendo habitual, pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas, instalándose tres pezas en Tomiño e outras tres en Vila Nova de Cerveira.

Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito.

Outros artigos