Esquerda Unida Ponteareas esixe unha nova Escola Infantil pública

Denuncia as "consecuencias dramáticas" de anos de goberno do PP

Ponteareas/Esquerda Unida | Recentemente coñeceuse a apertura de expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas debido a irregularidades na ampliación da Escola Infantil entre os anos 2006 e 2007, cando Ponteareas estaba gobernada polo Partido Popular.

Segundo o propio goberno municipal, a Xunta de Galicia obrigou ao peche de dúas aulas e para poder solucionar as irregularidades sería necesario pechar a escola durante un curso, algo impensable para Esquerda Unida Ponteareas tendo en conta a necesidade de contar con este servizo.

Esquerda Unida Ponteareas denuncia que as prácticas que o Partido Popular levo adiante durante moitos anos en Ponteareas seguen a ter consecuencias dramáticas para a poboación e esixe responsabilidades ao PP local por realizar obras ilegais.

A sentenza destes días non fai máis que agravar a realidade existente, xa que as prazas da Escola Infantil xa eran insuficientes antes deste procedemento sancionador por parte da Xunta de Galicia. De feito a construción dunha nova escola infantil en Ponteareas é unha necesidade que contempla o Concello dende fai anos e mesmo se contempla no Plan de Ordenación Municipal, pendente de aprobar a localización desta nova escola infantil nos terreos que lindan co parque Ferro Ucha.

A construción dunha nova escola infantil viría a solucionar os problemas existentes pero isto está parado de momento dada a demora da aprobación no PXOM. Por outro lado a Xunta de Galicia négase a aportar fondos para a nova escola infantil ata que non estea aprobado o PXOM e o Concello de Ponteareas non redacte o proxecto para a súa construción.

Esquerda Unida Ponteareas ofrece ás forzas políticas con representación no pleno municipal que apliquen a lexislación vixente e fomenten dende o Pleno Municipal unha incidencia supramunicipal.

Esquerda Unida Ponteareas, dende a súa posición de oposición sen representación no pleno, insta publicamente ao alcalde de Ponteareas a que promova ante a Xunta de Galicia esta incidencia supramunicipal que aportaría saída a unha realidade que condiciona o benestar presente e futuro das persoas con crianzas na etapa educativa 0-3 anos. Está máis que demostrada a necesidade de avanzar o antes posible na construción dunha nova escola infantil en Ponteareas.