Esquerda Unida Ponteareas denuncia a “desidia” do Concello en materia laboral

Critica que non aplica os pluses contemplados no convenio colectivo de 2019

Ponteareas/Esquerda Unida | O nove de xaneiro de 2019 era publicado no boletín oficial da provincia de Pontevedra o novo Convenio Colectivo dos traballadores e traballadoras laborais do Concello de Ponteareas. Isto incluía unha serie de retribucións complementarias en función das diferentes características ou dificultade dos distintos postos de traballo, algunhas novas e outras xa contempladas no anterior Convenio.

O Convenio contemplaba tamén que a concreción de esas novas retribucións complementarias e a revisión das xa existentes anteriormente tiña que ser revisada na Comisión Paritaria. Comisión que ten entre as súas funcións a de facer seguimento do cumprimento do convenio e que está composta por representantes sindicais e do Concello.

A pesares disto, máis de tres anos despois, o Concello nin levou á Comisión Paritaria ditas retribucións nin as aplicou aos traballadores e traballadoras que as veñen solicitando. Así, traballadoras e traballadores municipais coma os adscritos á unidade de bacheo ou as de Servizo de Axuda no Fogar, que xa durante a negociación do Convenio viñan reclamando esas retribucións, ven como a pesares das promesas, levan máis de tres anos ser ver mellorar a súa situación.

A maiores o Convenio rematou a súa vixencia xa en decembro de 2020 e dende o concello, a pesares das solicitudes dos sindicatos, néganse a avanzar na negociación dun novo convenio.

Todo isto da unha idea da falta de compromiso dos gobernantes do Concello de Ponteareas, BNG e PSOE cos dereitos laborais dos traballadores municipais.

Por todo iso, Esquerda Unida solicita ao Concello de Ponteareas que se sente a negociar dunha vez as melloras retributivas contempladas no Convenio Colectivo para o persoal laboral do Concello de Ponteareas e se deixen de enganar aos traballadores e traballadoras con falsas promesas. Esquerda Unida de Ponteareas xa non lles pide a BNG e PSOE que fagan políticas minimamente de esquerdas, se non que polo menos cumpran co que asinan.