Esquerda Unida e Podemos irán xuntos de cara ás municipais 2023 en Ponteareas

A falta de concretar a fórmula de presentación nas eleccións

Ponteareas/Esquerda Unida | As formacións locais de Esquerda Unida e de Podemos en Ponteareas manifestaron a súa vontade de concorrer de forma conxunta ás vindeiras eleccións municipais de 2023.

As dúas organizacións presentarán nos vindeiros comicios unha candidatura á esquerda dos actuais partidos gobernantes no Concello, na que integrarán tanto a persoas das dúas formacións coma outras que, sen estar adscritas a ningunha das dúas, comparten a súa liña política e obxectivos.

A falta de concretar a fórmula de presentación nas eleccións, algo que en parte dependerá dos acordos aos que cheguen Esquerda Unida e Podemos a nivel nacional, a intención das dúas organizacións locais é a de camiñar cara a unha confluencia que supere o puramente electoral e que sirva para chegar a puntos de acordo político e programático.

Para concretar esta liña de traballo as dúas formacións iniciarán no mes de decembro unha serie de reunións, abertas á mílitancia e simpatizantes, para acordar o programa electoral e nas que contarán con asesoramento técnico de distintas persoas segundo a temática a tratar. A idea e presentar nas vindeiras eleccións municipais tanto unha candidatura solvente coma un programa ambicioso pero realista, centrado no benestar da veciñanza e no coidado do entorno.