Esmeralda Quiroga, pregoeira da VI Feira do Libro de Ponteareas

A docente inagurará coa lectura do pregón este 14 de xullo

Ponteareas | A VI Feira do Libro de Ponteareas arranca este xoves 14 cun acto inaugural ás 20.00 horas que terá como protagonista a Esmeralda Quiroga, docente e amante das letras que transmitirá ao público no seu pregón a súa paixón pola literatura.

Profesora de Lingua Castelá e Literatura no IES Val do Tea dende o ano 2007, esta ponteareá de adopción non deixou dende entón de traballar para “difundir o seu amor á lectura e divulgar a literatura entre mozos, mozas e maiores”, como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Moi querida entre alumnado e familias, esa paixón polos libros levouna a estar moi vinculada coa biblioteca do centro educativo no que imparte clases, primeiro como coordinadora e despois como mediadora de varios clubs de lectura do instituto, incluído un dirixido ás familias.

Participante no Observatorio pola convivencia do centro e integrante de numerosos recitais poéticos, “para o Concello de Ponteareas é un orgullo contar cunha persoa como Esmeralda, que vive as letras como dun xeito único. Que sexa a pregoeira desta nova edición da Feira do Libro é unha forma de poñer en valor o traballo que está a facer e de ceder o protagonismo a todas aquelas persoas que velan día a día pola literatura na nosa vila”, recalca o edil.

Esmeralda non agocha o seu nerviosismo ante o seu pregón o vindeiro xoves. Aínda que, sobre todo, “estou agradecida, porque en certo modo é un agradecemento aos libros e a todo o que me deron e que me dan”. “E tamén estou agradecida a esta vila que me acolleu con tanto agarimo. E nerviosa porque me gustaría facer chegar estes sentimentos dunha maneira clara e fermosa, que é como eu quero aos libros e á miña vila de adopción”, recoñece a pregoeira.

O concelleiro de Cultura convida a toda a veciñanza a arroupar a Esmeralda Quiroga na lectura do seu pregón este xoves 14 e a achegarse á Praza Maior ata o día 17 para gozar de catro días de literatura, obradoiros e actividades nos que o talento local compartirá espazo con escritoras e escritores consolidados.

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira contará nesta edición coa participación das librarías Cortizas, Ledo, Milfollas e Terraa.

As casetas estarán abertas ao público de 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.00 horas, agás o xoves 14, a xornada inaugural, que abrirá só na quenda de tarde, e o sábado 16, que adiantará a apertura da mañá ás 11.00 horas. As librarías participantes na feira farán un 10% de desconto en todos os libros.