Esgotadas as prazas para o programa “Voando Rías Baixas” en Tui

Rruta ornitolóxica polo Parque Natural Monte Aloia o vindeiro 8 de maio

Pontevedra | En menos de 24 horas dende a apertura do prazo de inscrición para participar na terceira ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” polo Parque Natural Monte Aloia en Tui quedaron esgotadas a totalidade das 25 prazas ofertadas.

A camiñada, de balde e organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase o 8 de maio nunha actividade na que as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica do lugar e concienciarse sobre a preservación dos espazos naturais protexidos.

A andaina polo Parque Natural Monte Aloia- Tui estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra.

Da súa man, as e os participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo protexido entre as que destacan paxariños forestais coma o xirín, a papuxa das amoras, o ferreiriño azul, o xílgaro común, o picafollas ibérico, o verderolo común ou o peto de dorso branco, entre outros, amais das aves rapaces que ocupan a contorna.

Para elo facilitaráselles prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta grama para poder desfrutares das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta.

No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta terceira ruta, o resto das andainas continuará en xuño, coa camiñada polas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei) o día 19, mentres que o 10 de xullo celebrarase a actividade na Serra do Suído (Cotobade-A Lama- Beariz-Fornelos-Covelo).

A seguinte actividade terá lugar o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela-Soutomaior-Pontevedra-Vilaboa). A derradeira andaina será o 18 de decembro nunha ruta pola Desembocadura do Río Lérez e o Intermeal Combarro-Lourido (Poio-Pontevedra).