Escola de Verán de Ribadumia celebrou o Día de Galicia

Cunha ruta da variante espiritual do Camiño de Santiago

Ribadumia | Este martes, os nenos e nenas da Escola de Verán do Concello de Ribadumia, xunto cos seus monitores, fixeron un percorrido por unha parte do percorrido da variante espiritual do Camiño de Santiago en conmemoración da celebración do Día de Galicia, que foi este luns 25 de xullo.

Esta ruta tivo dous percorridos adaptados ás idades dos nenos e nenas. O O primeiro, desde a casa de Cultura de Ribadumia ata os Muíños do Batán e Cabanelas; e o outro, desde a Casa de Cultura de Lois ata Pontearnelas.

Para levar a cabo esta actividade, os pequenos tiveron que aprender e indagar nas curiosidades do Camiño de Santiago e as súas diferentes rutas, sobre todo, a da variante espiritual, que é a que pasa por Ribadumia.

Nestas dúas andainas, puideron coñecer algúns dos recunchos de Ribadumia e a súa contorna máis próxima e reforzaron tamén o significado que ten o Camiño, xa que se atoparon con outros peregrinos que estaban facendo a mesma ruta ca eles.

Os nenos e nenas recibiron cadansúa credencial de peregrino cuberta e foron vestidos de peregrinos durante todo o percorrido cuns traxes elaborados por eles mesmos con cartolinas, papel, cunchas de vieiras, etc. Esta representa un dos labores que a rapazada leva facendo desde o comezo do verán nas actividades que entraña a Escola de Verán, entre outras moitas.

O obxectivo destas actividades é a continua aprendizaxe a través do entretemento e a involucración de todos os nenos e nenas, así como tamén dos monitores e monitoras, en todos os proxectos que se están a elaborar desde a Escola de Verán.