Entroido 2022 conxunto entre Mos e O Porriño

Presentado o I Desfile conxunto de Entroido

Mos | Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, desde as 18.00 horas da tarde, cando se celebrará o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que polo momento participarán 16 comparsas, 8 do Porriño e 8 de Mos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe a que é a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos, tras o pasado desfile de Rondallas.

“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou” a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.

No mesmo sentido manifestouse a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”.

Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos concellos, como o Nadal ou o Entroido, que “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora en ambos concellos, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo a nova de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.

Ambos rexedores agradeceron o labor indispensable que realizan a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.

Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado.

No caso do Concello de Mos manterase o desfile do domingo de Entroido que se vén celebrando tradicionalmente na localidade mosense pola Avenida de Sanguiñeda. Será a partir das 18.00 horas do domingo 27 de febreiro.