“O valor de Podemos non está nos seus cargos nin nas súas persoas liberadas”

Carmen Santos | S. X. de Podemos Galicia

Carmen Santos (Porto do Son, 1981), chegou á secretaría xeral de Podemos Galicia logo dun proceso de eleccións internas, que para moitos contrarios á formación lila, era un enfrontamento entre faccións e a fractura anunciada de Podemos en todo o Estado. Non obstante, Podemos Galicia está aí, correntes seguen dentro da formación e de cando en vez, na prensa salta algunha posíbel ameaza de ruptura. Falamos con Carmen Santos sobre estes temas e outros relacionados co día a día en Galicia.

-Cal é a súa diante da denuncia presentada polo secretario xeral de Podemos Arzúa, quen ten un expediente aberto na formación.
-Realmente non temos nada que dicir. Todo está en mans da xustiza e non temos ningunha valoración engadida que facer. Internamente temos claro o que hai que facer, pero deixemos que a xustiza faga o seu traballo.

-A día de hoxe séntese respaldada por toda a organización en Galicia?
-Organizacións como Podemos Galicia, ten uns procesos de elección democrática e aberta á cidadanía, e con eses mecanismos establécense as persoas que deberan ter o liderado orgánico, político e de representación do noso proxecto. Os inscritos foron claros cando ditaminaron a súa posición en posteriores procesos, aínda que non foron unhas votacións directas á miña persoa, sabía da súa alta participación apoiando as posicións que eu defendía publicamente, tamén manifestaron en que liña estaban. O valor en Podemos non está nos seus cargos, nin nas persoas liberadas ou contratadas, que é algo que se falou en Vista Alegre, o respaldo están pois no que se votou nas diferentes consultas.

“Se hai alguén que non está dacordo co que votan as persoas inscritas, ten toda a liberdade para deixaren Podemos”

-Que tería que dicir aos apuntamentos sobre ruptura en Podemos, tanto nun nivel autonómico como estatal?
-O importante é, como dicía Pablo Echenique, ninguén ten a obriga de estar en Podemos. Cando se vota unha serie de temas, como unha determinada estrutura ou delegando competencias, pois diante diso hai que ser demócrata e aí defenderemos a transparencia. Por tanto, se hai alguén que non está dacordo co que votan as persoas inscritas, ten toda a liberdade para deixaren Podemos. O espírito da nosa organización, tanto cando se iniciou como despois nas asembleas cidadás, non hai nada por riba das asembleas de inscritos e inscritas. Voces críticas, baixo a miña percepción, minoritarias, pero que están na organización e que teñen dereito a discrepar, non están por riba da asamblea de inscritos e inscritas, por tanto terán que tomar a decisión pertinente se queren seguir sumando para facer un cambio político neste país a través desta ferramenta ou queren seguir outro camiño. Pero a maioría da organización ten claro que é a maioría lexítima e a unión fainos máis fortes para poder cambiar o país.

“En Galicia a unidade popular ou de forzas, demostra que en Galicia hai un espazo de cambio social que medra”

-Vivimos na terceira maioría absoluta do PP en Galicia con Alberto Núñez Feixóo. O PP é inamobíbel?
-En absoluto. Independentemente de que isto é proceso histórico e que para moitas de nós queriamos un cambio político desde moito antes, ese cambio para nós é imparábel. Comezou nas cidades, comezou coa irrupción de Podemos en 2014 nas eleccións europeas, logo coas municipais, demostra que hai un clima de cambio neste país. En Galicia a unidade popular ou de forzas, demostra que en Galicia hai un espazo de cambio social que medra. Houbo ciclos de menor e maior intensidade, pero ese xerme resiste fronte as estruturas caciquís do PP, que é a súa forza ademais do medo mediático que exerce co control férreo dos medios de comunicación e por cuestións relativas a unha sociedade máis envellecida que lles custa máis aceptar os cambios.

-Pero dentro do cambio xeracional hai moita xente nova que vota ao PP. Non é preocupante.
-Isto depende da nosa capacidade de traballo para vencer as redes clientelares e toda a manipulación informativa que existe. Tamén é evidente unha desafección política, hai moita xente que practica a abstención, Podemos mobilizou un eleitorado que non votara nunca e que segue sendo fiel a iso. Cando falamos de cambio xeracional é polos datos que saen no CIS, sabemos quen é a maioría de voto que aglutina Podemos, Unidos Podemos ou En Marea, non é cuestión que inventemos nós. Tamén hai xente maior que nos vota e sendo conscientes do que votan.

“Non é xustificábel o uso de medios públicos para favorecer a ningún governo”

-Xa que falou antes de medios, no caso de que Podemos dentro de En Marea, chegasen ao goberno da Xunta, retirarían as axudas públicas aos medios de comunicación?
-Podo falar como secretaria xeral de Podemos, non é xustificábel o uso de medios públicos para favorecer a ningún governo. Se van dar axudas públicas, que é algo lexítimo e que nós cumpriríamos no caso de dárense os requisitos sociais e de liberdade e pluralidade, con todas as cuestións que defendemos e se se participa en concorrencia de igualdade, non nos oporemos a iso e veríase cando se articulasen os orzamentos. Pero nós estamos en contra do uso partidista de cartos públicos para perpetuar a partidos políticos no poder enganando e terxiversando a información. Ese é realmente o punto importante, non digamos xa as canles públicas.

-Seguimos coa hipótese de entraren nun governo da Xunta, reformarían o estatuto ou pedirían as competencias que faltan?
-Teriamos que facer un debate amplo. Non podemos pregarnos, sabemos que temos que tender á federalización, e os nosos compañeiros a nivel estatal tamén o teñen moi claro. Hai unha realidade histórica no noso estado e en Galicia. Para cubrir as necesidades de galegos e galegas de maneira xusta, necesitamos maior teito competencial. Pero realmente o problema é o modelo territorial do 78, obsoleto e que debe ser reformulado. O modelo está esgotado e hai que crear un proceso constituinte para reformar o modelo territorial, recoñecendo as diferentes sensibilidades que existen no estado e das nacións que existen dentro do estado pero dentro dun marco que respete a unidade do estado. Queremos un recoñecemento desde a unidade e o respeto e a soberanía dos pobos a decidir que queremos formar parte deste estado.

-Menos de dous anos para as municipais. Cal é o traballo que está desenvolvendo Podemos Galicia de cara a esas eleccións?
-Estamos traballando con todas as formacións amigas e aliadas para formar candidaturas de unidade, como dixemos despois de Vista Alegre, que era a aposta de Podemos Galicia nas autonómicas, o modelo de Podemos Galicia está en sintonía con Vista Alegre II, fomentamos espazos de unidade. Os espazos de unidade son os que onde teñamos persoas que comparten o noso modelo municipal con eles conformaremos candidaturas. Pero tamén temos claro que Podemos é unha forza autónoma que ten que marcar as súas liñas coas formacións e persoas coas que compartimos programas e puntos en común. Isto tamén nos serviu para ver que temos grandes compañeiros e compañeiras de viaxe cos que queremos seguir.

“O abandono da Xunta de Galicia coa súa falta de diálogo e interacción coa xente do mar está pasando unha factura a un sector estratéxico e dos que máis riqueza crean no país”

-Vostede traballou no Instituto de Investigacións Mariñas dependente do CSIC. Cales serían os puntos que poría sobre a mesa para a mellora nas condicións laborais da pesca?
-A precarización laboral na pesca, o abandono da Xunta de Galicia coa súa falta de diálogo e interacción coa xente do mar. Está pasando unha factura a un sector estratéxico e dos que máis riqueza crean no país. Ademais, a eliminación das burocracias que moitas veces lles impide exercer a súa actividade. Tamén o exceso de controis por parte da Xunta, isto non so palabras miñas, senón de persoas do sector, que se senten perseguidos politicamente, mesmo cando levan adiante o seu traballo. Porque se levo algo que non debo ,últanme e ao mellor a sanción me arruina. Reparto máis xusto das cotas. Non as restrinxiría nin eliminaría pero si reparto máis xusto. Éunha compentecia estatal pero a Xunta debera presionar, que o secretario xeral de Pesca lle dá a razón a organizacións de pescadores e armadores, algunha mesmo gañou nos tribunais un pleito á Xunta sobre reparto das cotas. Falta de investimento político en investigación mariña. Podería seguir con moitos máis temas.

-Non considera o aumento dos orzamentos para políticas sociais como síntoma dun sistema que non resolve determinadas situacións das persoas?
-Estamos falando do modelo precarizador do PP ten unhas consecuencias tan graves e profundas, que eles mesmos tentan agochar ou disfrazar, dar unha caste de esmola para dicir que se están preocupando da xente. É unha cuestión de modelo. As axudas son necesarias, pero este debera ser un estado social e de dereito que se debera repartir equitativamente e procurar que todas as persoas teñan traballo. Tamén buscar un modelo que non divida a sociedade entre cidadáns de primeira e de segunda. Pero que vexamos un goberno que ten que aumentar os orzamentos para axudas sociais debido a uns índices de exclusión gravísimos, é unha noticia nefasta e que non representa a realidade que vive moita xente.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.