Entregados en Moldes (Ourense) os XXXVI premios Losada Diéguez

Foron galardoados Eva Veiga, Baldo Ramos, Xosé Miguel Andrade e Anselmo López Carreira

Moldes | Os XXXVI premios Antón Losada Diéguez foron entregados nun acto celebrado no pazo de Moldes, en Boborás, con Luís González Tosar como pregoeiro. Nos premios Losada Diéguez 2021 –que recoñecen obras publicadas ao longo do 2020- foron escollidas nesta ocasión como obras galardoadas o libro de poemas “Quérote canto”, de Eva Veiga e Baldo Ramos, na categoría de Creación Literaria; e “O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria”, de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, no capítulo de Investigación e Ensaio. Os premios están promovidos polos concellos do Carballiño e Boborás, contando coa colaboración da Deputación de Ourense.

O xurado escolleu o traballo conxunto de Ramos e Veiga pola “singularidade na metodoloxía, que se traduce nunha resonancia creativa”.

Do libro tamén a catro mans de Andrade Cernadas e López Carreira, os avaliadores valoraron a aportación orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, “rescatando do olvido a existencia deste reino, con rigurosidade e carácter divulgativo”, mediante a combinación de ensaio e de investigación empregando fontes tanto cristiás como musulmás.

González Tosar
Luís González Tosar destacou a figura do intelectual de Boborás como o seu mentor e tamén a importancia que tivo na formación da Xeración Nós. González Tosar, que foi un dos promotores da posta en marcha dos premios, fixo fincapé na relevancia a nivel galego que ten este certame, no que non se presentan os autores, senón que recoñece obras xa publicadas.

Autor de textos que forman parte da historia da literatura galega, os seus poemarios teñen sido recoñecidos con premios como o Esquío de poesía, Losada Diéguez, da Crítica Española ou o da Crítica de Galicia, entre outros. As súas colaboracións xornalísticas foron merecedoras do Premio Julio Camba de Xornalismo e a Xunta de Galicia distinguiuno coa Medalla Castelao no ano 2005.

González Tosar mantén de sempre unha fonda relación coa figura de Antón Losada Diéguez, sendo ademais un dos membros do padroado da fundación que leva o nome do filósofo e galeguista de Moldes. No ano 1984 foi o coordinador da publicación “Homenaxe a Antón Losada Diéguez. Centenario 1884-1984”, editado polo Concello do Carballiño. Tamén, o seu primeiro poemario “A caneiro cheo” gañou o galardón no apartado de creación literaria no ano 1986.