Enrique López Veiga, “O Ilustrado”.

O venres 27 de maio, lin un artigo do Sr. López, no Faro de Vigo, nas que vertía unha serie de afirmacións, sobre das cales gustaríame facer algún comentario. Aseguraba que o nivel intelectual da esquerda deixa moito que desexar, pola falta de lectura dos seus representantes.

Para ser franco, eu tampouco adico tempo a esta ocupación, pero a pesares do meu analfabetismo funcional, son quen de diferenciar entre a ética e a deshonestidade ou entre a desvergonza e a sinceridade. Polo tanto, para que vou ler, si os que presumen diso non comprenden conceptos tan básicos, o que, por conseguinte, impídelles proceder na vida con arreglo a eles?

Laiase dos insultos que reciben e a falta de respecto ás formas, poñendo como exemplo de comportamento o de M. Rajoy, o cal desprezou, en innumerables ocasións, a intelixencia de millóns de españois, apoiando a todo canto corrupto ía aparecendo nas filas do partido ao que vostede, Sr. López Veiga, pertence.

E dáse o paradoxo que aos demais reprochábanos vivir por riba das nosas posibilidades. Mariano R. Brey, o “decente”, acusou a Zapatero, dende a tribuna do parlamento, de traizoar ós mortos e de reforzar a ETA.

Enganounos, cando nos vendeu o rescate como unha liña de crédito gratuíta, a sabendas de que esta operación ía empobrecer á clase traballadora do país durante anos.
Resulta curioso, Sr. López, que pida respecto aos demais cando o Partido Popular, si por algo se caracteriza é polo seu amplo repertorio de insultos.

Felón, ilexítimo, okupa, traidor, incompetente, mentireiro compulsivo, ridículo, mediocre…, son, entre outras, as perlas que lle adicaron ao actual presidente. Non debería esquecer tampouco o 11 de marzo de 2004 cando, tralo atentado de Atocha mentiron, só como vostedes saben facelo, responsabilizando a ETA da autoría do mesmo, ante o medo de perder as eleccións.

O Sr. López, no seu artigo, atrévese a impartir clases de gramática, sen decatarse que cando repites moitas veces unha palabra empobreces o estilo do texto. Pois ben, ata en catro ocasións chegou a escribir “goberno” nun parágrafo. En primaria recordo ter estudado os sinónimos, a elipse e aprender a reorganizar as oracións para evitar efectos acústicos desagradables.

“O Sr. López, no seu artigo, atrévese a impartir clases de gramática, sen decatarse que cando repites moitas veces unha palabra empobreces o estilo do texto”

Eu, Sr. López Veiga, por cuestións éticas e de dignidade, valoraría o abandono dunha organización que non predica co exemplo e que expulsa aos seus dirixentes honrados, que ousan denunciar a corrupción, en vez de eliminar ós corruptos.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.