Encontro do BNG Mos coa veciñanza sobre a suba dos prezos

Este 28 de abril no Plantel de Guizán

Mos/BNG | O BNG está a desenvolver unha campaña informativa e de mobilización social, en todo o país, en resposta á suba desorbitada dos prezos e o empobrecemento de amplos sectores da poboación.

No marco dos encontros que se están a desenvolver en todas as comarcas, Mos acollerá un acto público no que participarán a deputada no Parlamento Galego Alexandra Fernández e o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Gustavo Barcia. A charla estará aberta á participación de toda a veciñanza e terá lugar este xoves, 28 de abril, a partir das 20:00 horas no Plantel, en Guizán.

O encontro servirá para expoñer as propostas do BNG para poñer freo á inflación, impulsando un cambio estrutural na economía pero actuando tamén no curto prazo.

Entre as medidas que Gustavo Barcia presentou xa no último pleno do Concello de Mos, celebrado esta mesma semana, figuran a revisión da fiscalidade para compensar a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables, a baixada selectiva do IVE dalgúns bens e servizos, a intervención dos mercados da electricidade e da vivenda, o incremento das pensións e dos salarios, o reforzo das axudas sociais, a protección das actividades ligadas ao sector primario e a adopción de medidas de urxencia para a mobilidade e o transporte.