
Ourense | O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron na inauguración do XII Encontro de Cacharreiros que se celebra en Niñodaguia, organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e que conta un ano máis co apoio do Goberno galego. Niñodaguia é un dos centros de olería tradicional aínda activos en Galicia, nos que a artesanía está estreitamente ligada ao territorio, tanto pola súa materia prima —o barro amarelo da zona, que distingue as pezas desta olería— como polo patrimonio que representan as técnicas e formas propias deste oficio.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta reafirma o seu compromiso coa conservación, divulgación e posta en valor da olería tradicional e do labor dos oleiros galegos. Este compromiso materialízase tamén noutras actuacións, como a nova liña de axudas incluída no programa Primeira Experiencia Profesional, destinada a incorporar novos talentos ao sector artesanal galego, para a que a Xunta destina un orzamento de 1 M€.
O Encontro de Cacharreiros consolídase como unha cita de referencia para o sector da olería e a cerámica, tanto a nivel galego como internacional. Na edición deste ano participan destacados oleiros e artesáns, entre os que se atopan Agustín Vázquez e Enrique Cabanas, representantes de Niñodaguia; Olería do Batán, de Baños de Molgas; Carlos San Claudio, de Vigo; Antón Román, de Gondomar; Susana González, da Coruña; Antía Caldeiro, de Xunqueira de Espadanedo; Fran Gorín, de Buño (Malpica de Bergantiños); Ana Méndez, de Pazos de Borbén; e representantes da Asociación Estivadinha, de Ourense.
Tamén participan os artesáns portugueses Carlos Lima e Xana Monteiro, que achegan unha dimensión transfronteiriza ao encontro. A programación inclúe demostracións de olería e venda directa de pezas artesás.
X Festa da Malla de Lobios
Tamén na provincia de Ourense, a Xunta colabora coa Asociación de Veciños de Puxedo na posta en valor dos oficios artesanais tradicionais a través da X Festa da Malla e da feira de artesanía e produtos locais, que se celebrou en Lobios.
A través da Fundación Artesanía de Galicia, o Goberno galego organizou un taller gratuíto de estampaxe vexetal e unha demostración de elaboración de zocas. Trátase dun evento etnográfico no que os propios veciños recrean unha das fases do ciclo do pan, a malla do centeo, nunha das eiras comunitarias da aldea. Deste xeito, entre as actividades da feira figurou o obradoiro Estampaxe vexetal en sacos de tea, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop. A actividade foi gratuíta e está aberta a todo tipo de públicos, sen necesidade de inscrición previa. Durante este horario tamén terá lugar unha demostración de elaboración de zocas a cargo de Álvaro Pin, O Florencio dos Barreiros.




