En San Pedro de Rochas.

No centro iconográfico está Xerusalén e o Mar Vermello separa o mundo coñecido do descoñecido, o África. O esparexemento dos apóstolos represéntanse cun debuxo da cabeza dos mesmos cos lugares de referencia. Só en dous casos non se recorre a esta iconografía, no de san Pedro e no de Santiago. Ambos se representan dentro dun edificio con torres: Roma e Compostela, sendo evidente o maior tamaño desta última que indica a maior relevancia da mesma, no momento da súa consolidación e expansión como cabeza do mundo cristián e remate do camiño francés.

Na banda esquerda está Europa. A península Ibérica ocupa a franxa inferior, sinalada por unha contundente liña vermella que representa os Perineos. Na representación, o espazo central, que ocupa a maior parte, está ocupado por Gallecia, co enorme edificio da catedral compostelá e o rostro do apóstolo. Por riba un enorme Faro (A Coruña) e por tras Asturias. O espazo está delimitado polo leste polo curso de dous ríos: Miño e Douro.

Despois un territorio, Spania, onde está un edificio de moita menor dimensión que corresponde a Toletum e a referencia a Terragona, Carthagine? e Olisbona.

O mapa representa a visón xeopolítica do reino cristián do norte construído arredor do culto a Santiago e do camiño que nos relaciona con Europa e do papel de primacía da Sé Compostelá sobre Toledo, a capital do desaparecido reino visigodo no que os futuros reis de Castela procurarán a “inventio” da lexitimidade.

Aínda na actualidade, con técnicas de representación perfectas, seguimos a facer trampas nos mapas, e Europa, esaxerada en extensión, representa o poder central da súa cultura, mentres seguimos reducindo as dimensións da marxinal África, por poñer un exemplo.

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.

Outros artigos