A Xunta de Galicia recibe o PEOSE para a ampliación do Parque Empresarial de Balaídos

A Zona Franca remitiu o documento de ordenación do territorio

Vigo | Unha vez superada a primeira fase do proxecto de ampliación do Parque Empresarial de Balaidos coa evaluación ambiental estratexica, a Zona Franca de Vigo remitiu este venres á Xunta de Galicia o documento do PEOSE, (Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial), o instrumento de ordenación urbanística co que se planificará a ampliación do ámbito de 244.422 m².

O documento que Zona Franca envía á Xunta para a súa aprobación inicial incorpora a totalidade das aportacións da veciñanza, entre elas unha gran cuberta vexetal sobre o vial na zona de Roupeiro, que foi unha das solicitudes máis relevantes para mellorar a transición entre a parte empresarial e a zona urbana e residencial de Matamá, amais de mitigar o impacto acústico.

O proxecto da ampliación de Balaidos contempla a creación dun novo pulmón verde aberto á parroquia e a toda cidadanía, que será a cuarta zona verde máis grande da cidade con máis de 70.000m², equivalente a once campos de fútbol. A superficie contará tamén con grandes zonas de servizos para a cidadanía con parques infantís, áreas recreativas e parques de persoas maiores, a fin de xerar novos espazos libres baseados na sustentabilidade e na equidade social e creando unha gran infraestrutura verde interconectada de áreas naturais. Neste senso, a proposta de desenvolvemento urbanístico tamén pon en valor o patrimonio arqueolóxico que existe no interior do ámbito como son o petroglifo de Redondelo, hórreos e lavadoiro de Matamá.

Por outra banda, o proxecto tamén contempla un novo espazo para empresas de aproximadamente 110.000m² co que Zona Franca quere fortalecer o HUB da Automoción para seguir impulsando o emprego tecnolóxico, no que Vigo é líder no Estado, e o afianzamento de empresas clave e tractoras para proxectos estratéxicos da cidade.

Para o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, “trátase dun gran proxecto de cidade no que estamos a cumprir as nosas expectativas, tanto en dotacións, equipamentos e sinerxias coa veciñanza, a quen agradecemos as súas aportacións no diálogo destes meses, como en novos espazos que ofreceremos ao tecido empresarial para seguir desenvolvendo o ecosistema da nova mobilidade no que Vigo é un referente en todo o noroeste peninsular”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.