Empresas de Lugo reforzan a súa presenza na Confederación de Empresarios de Galicia

Coa incorporación de Leite Río e Café Caldelas ao seu Comité Executivo

Lugo | As empresas de Lugo reforzan a súa presenza na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na nova etapa con Juan Vieites na súa presidencia, con novas incorporacións aos seus órganos internos, a proposta da directiva da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

Á recente entrada de Carmen Lence (conselleira delegada de Grupo Leite Río) no Comité Executivo da organización, súmase Ramón Alonso, da empresa Cafés Candeas. Desta forma, refórzase a presenza lucense no órgano xestor da entidade, no que xa figuraban Eduardo Valín (de Embutidos Montepicato S.L. e Transportes Valín S.L.) e Jaime López como membro nato, dada a súa condición de secretario xeral dunha confederación provincial e vicepresidente da CEG, ambos estes dous últimos á fronte da CEL durante os últimos anos e tamén os dous impulsores da candidatura de Juan Vieites á presidencia da CEG.

A CEL manifesta a súa satisfacción por este paso cara adiante de empresas á vangarda na provincia, que xa viñan apoiando á organización lucense a través do seu Consello Asesor e órganos de goberno, e cuxa presenza era necesario ampliar na CEG, tal e como se marcou como obxectivo desexable desde a Confederación de Empresarios de Lugo. Ao mesmo tempo, mantense a representación de pequenas empresas e micropemes que, sen dúbida, constitúen a maioría do tecido empresarial galego e son a base da riqueza xerada nesta Comunidade Autónoma.

Comisións de Traballo
Ao mesmo tempo, varios empresarios de Lugo incorpóranse, a proposta da CEL, ás comisións de traballo internas da CEG. Concretamente, súmanse á de Relacións Laborais, Formación e Emprego, Ramon Martínez ( CEO de Estudos RAFER e Proyestegal) e Lourdes Pardo (responsable dos servizos xurídicos da CEL); á de Infraestruturas, Luís García Santalla (presidente da Fundación CEL e director xerente de BEGASA); á de Competitividade da Empresa Galega e Fondos da UE, Jaime López (secretario CEL); á de Emprendemento Rodolfo Follea (director xerente da Fundación CEL); á de Dixitalización, Innovación e Economía Verde, Jorge Rois, CEO de Sistemas Macrocopia S.L.) e á de Relacións Internacionais, Carlos Cebrián de Subministracións Megaro Foods S.L. e presidente da Fundación Agroalimentaria Galega, e Pablo Valín de Transportes Valín S.L.