Empresarios lucenses analizan os fondos europeos Next Generation

No marco do evento “Foro Empresa 2021. Next Generation: retos e oportunidades”
O evento tivo por nome “Foro Empresa 2021. Next Generation: retos e oportunidades”.

Lugo | Un total de 33 representantes de empresas do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) déronse cita hoxe nun encontro empresarial organizado pola propia CEL e patrocinado por ABANCA para analizar os fondos Next Generation EU.

O encontro, organizado baixo o título “Foro Empresa 2021. Next Generation: retos e oportunidades”, buscaba achegar estes fondos comunitarios ás empresas lucenses, analizando que oportunidades presentan para as pequenas e medianas empresas e favorecendo o debate sobre cuestións de interese transversais para o tecido empresarial lucense.

Mónica Gondar Álvarez, directora da área Next Generation de ABANCA, foi a encargada de analizar en detalle os novos fondos e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia estatal, o instrumento gobernamental a través do cal se traza a folla de ruta para o investimento dos fondos comunitarios para a recuperación económica, de acordo cos obxectivos que marca a propia Comisión Europea para a modernización da economía dos países membros.

O foro busca achegar estes fondos comunitarios ás empresas lucenses.

Gondar Álvarez achegouse aos diferentes compoñentes dos fondos e a súa chegada ao sector privado, ademais de repasar as convocatorias publicadas máis relevantes así como as que está previsto saian ao longo dos próximos meses. Entroutras cuestións, resaltou a relevancia da cooperación entre empresas para un maior éxito no acceso a estas axudas.

Igualmente, fixo referencia ao papel e traballo que están a realizar as entidades bancarias e, en concreto, ABANCA, en relación aos Next Generation EU, así como os produtos específicos creados para materializar estes fondos.

O encontro, que incluíu un xantar de traballo, tivo lugar no establecemento de turismo rural Casa Toirán, situado en Láncara, e contou coa presenza de representantes de empresas como Alibós, AMSLab, Embutidos Montepicato, Farmadismo, ICM, Cafés Candelas, Naturleite, Magnesitas de Rubián, Maferliz, Macrocopia, Megaro Foods, Grupo El Progreso, Grupo Norbel, Álvarez Real o Medrar Solutions, entre otros.

Outros artigos