
Ribadavia | A Consellería de Emprego impulsa o proxecto de dinamización de Vilas Vivas en colaboración co Concello de Ridadavia. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou Ribadavia co gallo de seguir de preto o avance deste proxecto e destacou a variedade comercial dos locais rehabilitados e abertos ao público no marco da iniciativa.
Máis aló da Casa da Artesanía de Galicia —que está a funcionar como espazo permanente para a posta en valor dos oficios tradicionais e a comercialización de artesanía—, están en marcha diversos negocios de produtos agroalimentarios e artesanais, un espazo inclusivo e unha tenda efémera, ademais dunha téxtil á que en breve se sumarán dúas máis. Cómpre engadir as melloras impulsadas noutros establecementos.
Tanto os novos negocios como as melloras noutros existentes enmárcanse na iniciativa autonómica Vilas Vivas, concibida —no seo do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— para revitalizar cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e da súa posta a disposición das persoas comerciantes e artesás. No caso deste piloto, prevese abrir este ano un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico.
Actividades complementarias
O proxecto Vilas Vivas inclúe propostas dinamizadoras como os Domingos Vivos, que se repiten con diferentes protagonistas e actividades culturais cada primeiro domingo de mes, coa finalidade de dinamizar o consumo de proximidade nun ambiente festivo.
A maiores, a clientela dos establecementos adheridos pode solicitar os seus rascas para entrar no sorteo de 1.000 premios que van desde descontos nas tendas a botellas de viño do Ribeiro ou estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados participarán nun sorteo mensual que se celebrará precisamente nos Domingos Vivos, na praza ribadaviense de San Xoán.




