Día de Portugal no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

As relacións que unen Galicia con Portugal como primeiro mercado emisor
Día de Portugal en Xantar 2021.

Ourense | A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, o peso, a influencia e as relacións que unen Galicia con Portugal como primeiro mercado emisor tanto de viaxeiros como de peregrinos e cuxos “fluxos turísticos están a ser fundamentais neste proceso de recuperación da crise sanitaria”.

Nava Castro, que participou no Día de Portugal que Xantar dedicou ao país veciño, lembrou que existen recursos naturais, como o rio Miño que permiten afondar no desenvolvemento de produtos turísticos conxuntos vencellados coa súa navegabilidade, ou como os parques naturais Peneda Gêres-Xurés e a rede de cicloturismo Eurovelo.

Salientou o Camiño de Santiago como nexo e elemento compartido máis importante, xa que “dous de cada dez peregrinos que chegaron a Galicia fixérono a través do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa”, engadiu Nava Castro. Segundo manifestou a responsable de Turismo de Galicia, a cifra de peregrinos que escolleron unha destas dúas rutas foi de 40.000 persoas.

Nava Castro gabou o éxito de Xantar para volver xuntar o mellor da gastronomía, non só galega senón tamén nacional e internacional “volvendo demostar a súa capacidade de convocatoria e o pulo da gastronomía galega, que constitúe un piar fundamental da estratexia turística da comunidade e é a carta de presentación de Galicia diante do viaxeiro e do peregrino”.

Unha gastronomía –engadiu a directora de Turismo de Galicia- que este ano mira cara aos Camiños de Santiago, en plena celebración do Ano Santo e que desde a Xunta tamén se promove a través de inciativas como Écociña.

Con esta iniciativa se poñen en valor os produtos de proximidade e a necesidade de facer unha cociña máis sustentable e que xa conta con 120 establecementos adheridos que traballan en propostas culinarias máis responsables coa contorna e con menos pegada de carbono.